Noticias

SAN XEROME ABRE UN SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ GRATUITO NO BAIXO MIÑO

Data: 03 de Febrero de 2021

Fuente: San Xerome

San Xerome prestou directamente o Servizo de Atención Temperá no seu Centro durante 17 anos (dende 1992 ate 2009), atendendo ás necesidades das nenas e nenos de entre 0 e 6 anos, procedentes dos 5 Concellos da Comarca do Baixo Miño (A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui).

Dende 2009 o Centro viuse obrigado a prescindir deste servizo por falta de recursos que o puideran financiar. En 2021, grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia, a través dos fondos procedentes do 0,7% do IRPF, volve a retomalo.

Este recurso realiza intervencións dirixidas á poboación infantil entre 0 e 6 anos do Baixo Miño, coa familia e na súa contorna, dando resposta ás necesidades das nenas e nenos con trastornos e/ou posibles dificultades, á prevención de dificultades no desenvolvemento e en grupos expostos, e a factores que poden provocar alteración na súa evolución.

O equipo de intervención estará coordinado pola Psicóloga Joana Lopes Sobrosa e contará cun equipo composto polas seguintes profesionais: Terapeuta ocupacional, Fisioterapeuta, Logopeda e Psicopedagoga.

A intervención se planifica individualmente, centrada na nena/o, na súa familia e na súa contorna. Se realizarán intervencións nos contextos naturais, nas rutinas habituais e cos intervintes naturais, empatizando coas familias e coordinando os recursos dende a sensibilidade, o respecto, a humildade e o liderado compartido.

A forma de acercamento ten un enfoque positivo, lúdico e creativo que parte do momento actual do desenvolvemento da nena/o, e coa familia a acompañar e facilitar o seu desenvolvemento, respectando o seu ritmo, os seu desexos, así como os valores familiares e a plena inclusión na contorna.

A flexibilidade será unha característica da intervención, guiándose pola demanda, seguindo a evolución natural da nena/o, o benestar da familia e progresivamente a transformación da contorna nun espazo inclusivo, adaptativo, de desenvolvemento, calma e amabilidade. Finalmente a intervención facilitará a creación de redes e relacións que fomenten as oportunidades da nena/o e da familia.

O servizo é gratuíto e prestado directamente por profesionais do Centro S. Xerome Emiliani de A Guarda.

As persoas interesadas poden obter mais información e cita previa no Tlf. 986 613719 ou no email: atencion.tempera@sanxerome.com

Tags: Noticias

Outras entradas

AGAT INCORPÓRASE A XUNTA DIRECTIVA DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS
NOVA REUNIÓN SOBRE A APLICACIÓN INFORMÁTICA DA REDE DE SERVIZOS COMUNITARIOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ