GaliciaNoticias

A UDIAF SALNÉS SUR ATENDEU 110 FAMILIAS NO SEU PRIMEIRO ANO

23-0-2024

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a Directora Xeral de Discapacidade, Begoña Abeijón, visitaron onte a UDIAF SALNÉS SUR,  pra coñecer os seus resultados no primeiro ano de funcionamento. Foron recibidos polo Presidente da AGAT, Jaime Ponte, e a coordinadora da Unidade, Eva Fernández Picallo.

A UNIDADE DE DESENVOLVEMENTO INFANTIL E APOIO FAMILIAR DO SALNÉS SUR (UDIAF-Salnés Sur) atendeu desde o comezo da súa actividade, en abril de 2023 ata o 31 de marzo de 2024 a cento dez (110) familias na súa sede, ubicada na Avenida Cruceiro nº 53, Baixo 1, Vilalonga, Sanxenxo. O que representa un 5% da poboación de 0 a 6 anos da súa zona de cobertura.

A UDIAF Salnés Sur forma parte, xunto coas UDIAF do Deza, Bergantiños e Salnés Norte, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Forma parte da Rede Galega de Atención Temperá e ofrece atención á familias residentes nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo.

A creación da Unidade tivo lugar en Marzo de 2023 para dar unha mellor resposta as necesidades asistenciais da zona Sur do Salnés. Cabe recordar que o mobiliario e acondicionamento da Unidade foi posible grazas a un convenio asinado co concello de Sanxenxo. A Unidade conta tamén cun punto de apoio para a súa actividade asistencial en Cambados cedido polo concello de Cambados.

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento ós/ás nenos/as de 0 a 6 anos, segundo regula o Decreto 183/2013 polo que se crea a REDE GALEGA de ATENCIÓN TEMPERÁ. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos/ás nenos/as dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, na atención das 110 familias realizáronse 1976 prestacións de apoio personalizado e 399 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.

No que se refire ao orixe da demanda dos concellos do sur da comarca do Salnés, a maior parte das familias atendidas no último ano (35%) eran residentes no Concello de Sanxenxo, un 15% en Cambados, 15% en O Grove, 11% en Meis, Meaño e Ribadumia.

Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,89 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.

Enquisa avaliada por 56 de 83 familias (65,5%)

 

Na actualidade, a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 2 psicomotricista, 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 auxiliar administrativo.

Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias dos concellos do sur da comarca do Salnés. O contacto pode realizarse a través da propia sede na Avenida Cruceiro 53, baixo 1, Vilalonga, Sanxenxo, no correo electrónico salnessur@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 886.208.275.

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

CONVOCATORIA CURSO PRIMEIRA ALIANZA – 6 e 7 DE XUÑO
A UDIAF DEZA ATENDEU A 122 FAMILIAS EN 2023