A UDIAF de Bergantiños atendeu ao longo do ano pasado a 125 familias da comarca, case un 17% máis que no 2022
O presidente de AGAT e a coordinadora do servizo presentaron o informe anual nunha xuntanza co alcalde e a concelleira de Servizos Sociais
Venres 5 de abril do 2024
A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños, xestionada pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), e financiada integramente pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia atendeu ao longo do ano pasado a 125 familias, segundo o balance que veñen de presentar o presidente de AGAT, Jaime Ponte, e a coordinadora do servizo, Yaiza Antelo, nunha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures.
A UDIAF puido atender a case un 17% máis de familias que o ano anterior grazas á mellora do convenio que vén asinando anualmente coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a ampliación do equipo, que conta agora mesmo con seis profesionais. No 2023, ademais do reforzo de persoal, tamén melloraron os recursos materiais da UDIAF, que dispón dunha área de psicomotricidade totalmente renovada grazas ao investimento realizado polo Concello de Carballo.
A unidade, que neste 2024 celebra presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento a nenos e nenas de 0 a 6 anos. Unha parte fundamental do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar con profesionais dos diferentes servizos e recursos que atenden á infancia desde outros servizos, como colexios, centros de especialidades ou sanitarios. O ano pasado esa coordinación realizouse con 83 entidades, e ademais no mes de outubro de 2023 grazas a colaboración da Subdirección de Atención Primaria do SERGAS levouse a cabo unha formación en temas de detección precoz na que participaron os/as pediatras da zona.
Os datos
Segundo consta na memoria anual, no 2023 foron atendidas 125 familias, realizáronse 3.396 prestacións de apoio personalizado e 689 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.
O 67% dos/as usuarios/as residen no municipio carballés, e o resto repártense, de xeito proporcional á poboación de cada concello, entre Coristanco, Laxe, Ponteceso, Malpica e Cabana de Bergantiños.
A valoración das familias segue sendo moi boa, e no 2023 outorgaron á UDIAF unha puntuación de 4,87 sobre un máximo de 5.
A sede da UDIAF está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.