Teléfono: 698124611 e-mail : agat@atenciontemprana.com

6 MILLÓNS DE EUROS PARA 61 CASAS – NIÑO

A Xunta investirá máis de 6 millóns de euros en crear unha rede de recursos de conciliación no rural formada por 61 casas niño

O obxectivo é poñer os medios para facilitar a vida laboral e familiar nos concellos de menos de 5.000 habitantes e contribuír a dinamizar estas contornas rurais cun servizo que axuda a fixar e atraer poboación

Santiago, 21 de marzo de 2018.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compareceu esta tarde no Parlamento para explicar a extensión da rede autonómica de recursos de conciliación e atención á primeira infancia que o seu departamento autonómico está a levar a cabo en municipios rurais das catro provincias galegas a través do programa das Casas Niño.

Na súa intervención, Rey Varela informou de que na actualidade están en funcionamento 29 Casas Niño noutras tantas localidades, outras 17 solicitudes teñen xa outorgada axudas para poñelas en marcha e que na nova convocatoria que se publicará no primeiro semestre deste ano se concederán outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. En suma, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá máis de 6 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 Casas Niño.

No que atinxe ao funcionamento destes recursos, o titular de Política Social explicou que cada un deles ofrece unha atención integral, personalizada e gratuíta a un máximo de 5 nenos e nenas ata os 3 anos de idade. As familias poden levar aos seus fillos ata un máximo de oito horas diarias de luns a venres, que poden pactar coa persoa responsable da Casa Niño. Ademais, indicou que as axudas da Xunta ás persoas que promovan estes equipamentos permiten cubrir ata o 100% do investimento necesario para abrilos, cun límite máximo de 15.000 euros por Casa Niño; e ademais reciben unha prima anual de 19.600 euros co fin de apoiar o desenvolvemento deste iniciativa no inicio da actividade.

As Casas Niño, dirixidas a concellos de menos de 5.000 habitantes que carecen de ningún outro servizo deste tipo, son un dos recursos previstos na área de conciliación do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), a cal tamén inclúe o fortalecemento da rede pública de escolas infantís que o vindeiro curso contará con máis de 24.000 prazas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos; Todas estas medidas fan posible que Galicia teña hoxe unha ratio de atención superior ao 41%, superando en 8 puntos o indicador aconsellado pola Unión Europea.