O pasado 27 de xuño tivo lugar en Reykiavik (Islandia) a conferencia internacional dos países nórdicos sobre a importancia dos primeiros 1000 días de vida (First 1000 days in the nordic countries). Unha representación da AGAT participou na reunión de forma telemática.
Esta conferencia foi o evento final de 3 anos de intenso traballo de colaboración dos países nórdicos (Islandia, Suecia, Noruega, Dinamarca e Finlandia) . O proxecto os primeiros 1000 días inciado hai tres anos estivo centrado en:
- Promover a saúde mental e o benestar durante o embarazo
- Apoiar unha parentalidade positiva no inicio da vida
- Identificar e responder aos factores de risco presentes nas familias e contornas
- Garantir o apoio á saúde mental e o benestar nos coidados e na escolarización temperá
Enlace á información
Cabe destacar, entre as ponencias presentadas, a relativa á utilidade de uso da escala ADBB nun programa de detección e atención precoz que xa chega ao 80% dos concellos de Dinamarca. Como se recordará a escala ADBB está sendo difundida en Galicia pola AGAT entre os profesionais da Rede galega de Atención Temperá, posibilitando a formación gratuita a través dos programas do 0,7%.