GaliciaNoticias

O GRUPO SOCIALISTA ALERTA DE GRAVES DESIGUALDADES NA ATENCIÓN TEMPERÁ

PRENSA 30-06-22

Marina Ortega sinala que a Udiaf de Bergantiños ten listas de espera de un ano, e diferenzas de axudas dende os 622 euros por neno de Antas de Ulla aos 25 no Salnés

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, alertou hoxe de graves desigualdades na atención temperá para a poboación infantil de 0 a 6 en función do lugar de residencia. Ortega presentou unha pregunta oral pola situación da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio á Infancia -Udiaf- de Bergantiños, en Carballo, onde deixan moitos usuarios sen atender por unha lista de espera de un ano.

A responsable socialista responsabilizou ao goberno galego de que esta Comunidade Autónoma sexa a peor situada do Estado en relación á Atención Temperá, debido a que a Xunta “aproveita os recursos de xeito menos eficiente”. Lembrou que constitúe u “claro exemplo de non utilizar os recursos con intelixencia atendendo ás demandas dos profesionais”, e deixando “sen aproveitar os recursos en función da poboación diana”.

Deste xeito prodúcense importantes desigualdades por exemplo entre a zona de Antas de Ulla – Portomarín – Monterroso, que conta con 123.000 euros de axudas para 198 nenos e nenas, prestando 622 euros por cada pequeno. Esta zona está moi por riba da comarca de Verín, que conta con 127.000 euros para 667 crianzas, unha axuda de 191 euros por neno, e moito máis que o caso do Salnés, onde cada neno e nena recibe apenas 25 euros.

Esixiulle ao goberno galego que “optimice a rendibilidade para chegar a toda a poboación diana” que o require, ademais de incrementar os recursos e atender aos profesionais, que requiren de investimento plurianual para consolidar este servizo. Lembrou que “a Xunta é a responsable, é quen ten que garantir que tódolos nenos e nenas que o precisen reciban a súa atención temperá, non poden depender de que un alcalde pida ou non o servizo”.

Carballo

Ortega sinalou a situación da Udiaf de Bergantiños, en Carballo, onde foron atendidos no ano pasado a 113 menores de 0 a 6 anos da comarca, o 3,6 por cento da poboación dese rango de idade, se ben “moitos usuarios aínda non puideron recibir atención pola lista de espera”. Ortega aludiu ao informe anual da Unidade, presentado recentemente para demandar a necesidade de ampliar o servizo, que actualmente conta con tan só 3 profesionais.

Na mesma zona, sinalou, en Soneira hai 4 profesionais para 85 nenos e nenas que o requiren, cunha lista de espera dun mes, e na Laracha hai 4 profesionais para 35 rapaces e rapazas, neste caso sen lista de espera. Alertou de que esta é a consecuencia dos recortes do goberno galego, que ademais de manter unhas plantillas “certamente escasas” de persoal, moitos deles “padecen a inestabilidade laboral” dos contratos precarios do goberno galego.

Ortega, que mantivo un encontro co portavoz socialista de Política Social do Grupo Socialista no Concello, Valentín Costa, lembrou a moción aprobada por unanimidade no concello que lle reclama á Consellería máis medios materiais e humanos para a Udief. Esta proposta inclúe a petición de que doten á Rede Galega de Atención temperá con criterios obxectivos en base á poboación diana e blindar o servizo a través de financiamento plurianual.

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

DIPUTADOS DO PARTIDO POPULAR VISITAN A UDIAF BERGANTIÑOS NO DÍA DA ATENCIÓN TEMPERÁ
AGAT ASISTE Á CONFERENCIA DOS PAÍSES NÓRDICOS SOBRE OS PRIMEIROS 1000 DÍAS DE VIDA