O conselleiro de Política Social reuniuse cos responsables de AGAT na delegación da Xunta de Galicia en Ferrol
Convenio de colaboración coa Asociación Galega de Atención Temperá para financiar tres unidades de apoio psicosocial
A Xunta achegará 300.000 euros para o financiamento da actividade das tres unidades o que suporá un incremento do 9% (25.000 euros) con respecto ao pasado exercicio, e que servirá para aumentar as horas de traballo dos equipos do Deza, Salnés e Bergantiños.
O conselleiro valorou a importancia da sinatura deste convenio que, grazas a abordaxe temperá das necesidades das persoas con discapacidade, “diminuiranse as situacións futuras de dependencia para acadar unha sociedade máis igualitaria para todos os galegos”
Define a Axenda Galega de Atención Temperá 2015-2016 como “a acción coordinada entre os sistemas implicados na atención temperá como o sistema de saúde, de educación e de servizos sociais, para unha abordaxe integral e temperá do desenvolvemento infantil e o apoio ás familias”.
O conselleiro valorou a importancia da sinatura deste convenio que, grazas a abordaxe temperá das necesidades das persoas con discapacidade, “diminuiranse as situacións futuras de dependencia para acadar unha sociedade máis igualitaria para todos os galegos”. O desenvolvemento dos menores, dixo o conselleiro, “é especialmente relevante para que os nosos nenos e nenas acaden unha vida normalizada e coas mellores cotas de autonomía persoal”.
O convenio, enmárcase no eixe 2 do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, na Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020 e na Estratexia de Prevención da Dependencia, horizonte 2020. Así mesmo, é unha das actuacións contempladas na Axenda Galega de Atención Temperá 2015-2016, un documento que como indicou Rey Varela “representa a acción coordinada entre os sistemas implicados na atención temperá como o sistema de saúde, de educación e de servizos sociais, para unha abordaxe integral e temperá do desenvolvemento infantil e o apoio ás familias”.
Atención temperá en Galicia
As dúas primeiras Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar comarcais de Galicia, no Deza e no Salnés, iniciaron a súa actividade no ano 2009, e no 2014 entrou en funcionamento unha nova unidade na comarca de Bergantiños. A través destas tres unidades, un total de 313 familias foron atendidas no ano 2015, e co incremento orzamentario no presente exercicio, búscase aumentar esta cifra e reforzar aquelas prestacións que dentro da carteira de servizos á atención temperá teñan máis demanda.
Por outra banda, esa cobertura vaise reforzar mediante unha nova liña de subvencións que a Xunta porá en marcha para o financiamento destes servizos a través das entidades locais, consolidando así a Rede Galega de Atención Temperá e facendo desta un verdadeiro servizo de proximidade para os nenos e nenas e as súas familias. Así, destinarase a dita convocatoria de subvencións 2.252.216 euros. O responsable de Política Social destacou a importante aposta que a Consellería fai coa atención temperá creando 12 novas unidades de atención temperá en Galicia que permitirá que esta rede que existe en menos de 10 comarcas de Galicia poida ampliarse a máis de 20 comarcas de Galicia e ampliar o seu ámbito territorial”.
Deste xeito, e de forma directa para este tipo de servizos, supéranse os 2,5 millóns de euros, ademais do orzamento que se destina ás entidades do ámbito da discapacidade, que tamén contemplan este tipo de servizos entre os seus programas e recursos.