Xornal da Mariña, 2-11-2018
O servizo de atención temperá de Burela está sen logopeda desde o pasado 30 de outubro, despois de que rematase o contrato do profesional.
A CIG-Saúde, que advertiu desta situación, asegura que “máis de corenta nenos viron interrompida a súa asistencia sanitaria, ao mesmo tempo que crianzas derivadas por profesionais do Sergas con volante á unidade temperá atopáronse sen posibilidade de pedir cita”.
O sindicato argumenta que esta situación “condena a moitas familias sen recursos”, xa que o prezo de cada hora de sesión nun especialista privado pode alcanzar os 30 euros. Así, esixe “ás administracións competentes” que restitúan o servizo.
CONTRATACIÓN SUBVENCIONADA
O contrato do logopeda do servizo de atención temperá depende do Concello de Burela, a partir dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia.
O alcalde, o socialista Alfredo Llano, asegura que o Concello busca “unha fórmula” para solventar este problema “canto antes” e afirma que “a Xunta é a responsable directa deste profesional”.
O rexedor lamenta que o Goberno autonómico conceda as axudas para contratar aos profesionais “a posteriori e de forma retroactiva”, o que, explica, “nos impediu renovar o contrato do logopeda”.
“SOLUCIÓN INTERINA”
O goberno local destinará este ano “unha partida pequena” para solventar “de forma interina” este déficit e sacará a concurso cos seus propios fondos a praza de logopeda, á espera de que a Xunta conceda a financiación. “Temos que cumprir cunha normativa, pero agardamos solucionalo coa máxima celeridade posible”, conclúe Llano.