Cuntis xestionará o programa de atención temperá de cinco municipios
A Consellería de Política Social concedeu 18.881 euros, o 90% do orzamento do programa de Atención Temperá que se vai a desenvolver nos municipios de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas. O Concello de Cuntis será o encargado da xestión desta iniciativa.
Esta atención vai dirixida á poboación infantil menor de 6 anos e á súa familia e contorna. O obxectivo é dar resposta canto antes ás necesidades que presentan os menores con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
Búscase favorecer a autonomía persoal e a inclusión social. Desde este servizo ofrécese unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais.
Está prevista a creación dunha unidade de Apoio Familiar e Atención Temperá e de Desenvolvemento Infantil formada por un equipo integrado por tres profesionais de psicoloxía ou psicopedagoxía, logopedia e terapia ocupacional ou fisioterapia, con formación específica en materia de desenvolvemento infantil e apoio familiar.