O venres 26 en Bergondo tiveron lugar as VII Xornadas de Atención Temperá nas que participaron mais de 100 profesionais da Rede Galega. As Xornadas partían dunha iniciativa das compañeiras Laura Pardeiro e Rocío Aragón do SAT da Agrupación de Concellos de Abegondo, Bergondo e Carral, estaban organizadas por COGAMI e AGAT e contaron coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Bergondo.
O acto, celebrado no salón de actos da Senra, e conforme ao programa previsto, deu comezo cunha mesa institucional na que participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, a conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, e os presidentes de COGAMI e AGAT, Anxo Queiruga e Jaime Ponte.
A continuacion fíxose un amplo percorrido pola situación actual da Rede nos aspecto de planificación, financiación, estabilidade e calidade dos centros e servizos. Un percorrido que estivo apoiado no documento elaborado pola Comisión de Servizos Comunitarios de AGAT, distribuido entre os asistentes, e a presentación de Raquel Boquete e Victoria Diéguez que a continuación dirixiron o coloquio.
A necesidade de establecer parámetros obxectivos de financiación e asegurar a estabilidade dos servizos, substituindo o actual sistema de subvencións, foi un dos temas recurrentes nas intervencións. Tamén a necesidade de revisar o actual protocolo de coordinación, intervención e derivación ou fortalecer as instancias de coordinación intersectorial a nivel autonómico e comunitario, estiveron no centro do debate.
Gemma García, directora da UCCAP, Unio de Centros Catalana de Atenció Precoç, fixo a continuación unha ampla exposición sobre a historia e realidade da Rede de Centros de Cataluña, unha referencia no contexto español e da Unión Europea. A Rede catalana, formada por 97 centros sectorizados e financiados ao 100% pola Generalitat, atende no momento actual a case que 45.000 crianzas, ao redor dun 12% da poboación infantil 0-6 , e conta cunha financiación superior aos 60 millóns de euros. A xestión dos servizos corre maioritariamente a cargo do terceiro sector, entidades e cooperativas profesionais. A financiación segue parámetros obxectivos de horas de asistencia en función da poboación diana de cada territorio asignado. O sector conta tamén cun convenio propio e nel traballan mais de 1500 profesionais.
Na conferencia final Iago Pérez Santalla, Doutor en Humanidades e Servizos Culturais e Educador Social e autor da “Teoría do Ilímite” fixo unha brillante exposición sobre o signficado e o sentido de desenvolver a vida nunha contorna que facilite a cada persoa a exploración das posibilidades e dos apoios comunitarios.
Na finalización do acto os asistentes expresaron a importancia de darlle continuidade a estos encontros.