Noticias

VELANDO POLA INFANCIA E A INCLUSIÓN EN BERGANTIÑOS

O CORREO DE BERGANTIÑOS 21-02-2021

Apoiar o desenvolvemento infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e as nenas de 0 a 6 anos que o precisen é o obxectivo polo que loita a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños (UDIAF). Este servizo, con base en Carballo, comezou a funcionar no ano 2014. Previa a ela están as unidades do Deza e a do Salnés, ambas postas en marcha en 2009.

As primeiras creáronse en convenio coa Xunta e están subvencionadas ao 100 % pola mesma. “Naceron cun carácter experimental para ver que necesidades había a nivel comunitario sobre temas de desenvolvemento infantil e para recadar datos. Foron importantes para o decreto que se publicou posteriormente en 2013, polo que se creou a Rede Galega de Atención Temperá”, comenta ó respecto Jaime Ponte, presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) e coordinador externo das unidades UDIAF.

A atención temperá é un servizo dirixido aos nenos e nenas con problemas ou situacións de risco, á familia e ao seu contorno (escolas infantís e pediatras de cabeceira). Segundo explica Jaime Ponte, o traballo integral que desenvolven consiste en darlle seguridade e confianza para que sirva de motor de crecemento dos máis pequenos.

O ámbito de actuación exténdese a todos os concellos da comarca de Bergantiños: Malpica, Ponteceso, Carballo, A Laracha, Laxe, Cabana e Coristanco. O número de persoas ás que se lle presta atención nestes municipios foi aumentando nos últimos anos. “Fai un ano estabamos case nas 140 familias atendidas, máis dun 3 % da poboación de cero a seis anos da comarca. Coa pandemia houbo unha pequena baixada, pero aínda así en 2020 prestóuselle axuda a 110 familias”, destaca.

O servizo ten unha orientación fundamentalmente preventiva, pero tamén asistencial. Procuran acoller aos nenos/nenas o máis pequenos/as posible ou ben cando comezan a percibirse certas dificultades. “Hai unha gran maioría que podemos acompañar e resolver os problemas coas familias en relativamente pouco tempo, xa que basicamente son cuestións de inseguridade”, comenta. Por outra banda, cos que sofren síndromes complexos ou discapacidades poden traballar ata que cumplen os seis anos e mesmo pode darse o caso de que precisen acompañamento posterior por parte dos servizos educativos, sanitarios ou sociais. “En xeral hai bastante rotación; poderíamos falar dun 45 % de forma anual”, apunta.

A UDIAF de Bergantiños dispón de tres profesionais que cobren as áreas propias do servizo de atención temperá: unha psicóloga e coordinadora, unha psicomotricista e unha logopeda. A maiores hai unha auxiliar administrativa a tempo parcial. “Precisamos máis recursos. Espero que para o ano que vén se poida ampliar o cadro de persoal”, comenta.

TELETRABALLO. No centro fíxose un importante esforzo de adaptación ás novas circunstancias. Cando se decretou o confinamento buscaron a fórmula de manter unha relación continua coas familias.

“Comunicabámonos periodicamente con eles. Iso permitiu que non houbera unha discontinuidade no proceso”, relata. Nun primeiro momento podería falarse dun efecto positivo. “Os nenos foron para a casa e iso cambiou o seu modo de vida habitual. Co paso das semanas foise creando unha fatiga e illamento social, negativo para todos e especialmente para os máis pequenos”, destaca Jaime Ponte.

A partir do vinte e dous de xuño retomouse a actividade presencial, aínda que segue habendo familias que, por diversos motivos, non poden acercarse á unidade e así trabállase con eles a distancia. Víronse afectados no feito de ter que diminuír a intensidade asistencial. “Reduciuse o tempo de traballo útil, xa que as profesionais deben realizar a limpeza e desinfección das salas”, di. Neste apartado, o Concello de Carballo colabora de xeito regular para o reforzo destas tarefas.

Tags: Noticias

Outras entradas

LA DOBLE BRECHA DE LA ATENCION TEMPRANA DE 0 A 6: “HAY MILES DE NIÑOS PERDIDOS ENTRE LAS CIFRAS”
AGAT SOLICITA MÁSCARAS TRANSPARENTES PARA OS SERVIZOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ