GaliciaNoticias

UDIAFS. SERVIZOS COMUNITARIOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ

 UDIAFS DO DEZA, SALNÉS E BERGANTIÑOS

UDIAFS-SERVIZOS-COMUNITARIOS-AT

As Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar -UDIAFS – das comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños veñen de publicar un traballo de recopilación e avaliación da súa actividade dende o seu inicio, hai 7 anos.

O traballo revisa o deseño e realización do proxecto, os seus obxectivos, a contextualización e metodoloxía,  e rinde contas dos seus resultados que poden contrastarse a través dunha exposición exaustiva dos diferentes indicadores da actividade.

Realízase unha avaliación da cobertura e alcance das unidades, da adecuación das estruturas e perfís profesionais, das actividades e adecuación dos procesos de traballo.

Un traballo que, recoñecendo as limitacións da experiencia, trata de promover unha reflexión conxunta de todos os profesionais da Atención Temperá en Galicia ao respecto da actividade profesional que desexamos levar a cabo. Ao tempo trátase de afondar na complexidade e necesidade de especialización que implica a Atención Temperá.

No prólogo a Presidenta da AGAT, Teresa Busto, recorda que o proxecto das UDIAFS inscríbese no compromiso asumido pola Asociación Galega de Atención Temperá para impulsar, mediante convenio e financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, esta experiencia asistencial e de investigación . E cómo a implantación de tres Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar nas comarcas do Deza e do Salnés e posteriormente en Bergantiños responde á vontade de poñer a disposición  das familias, na proximidade do seu domicilio e do seu traballo, os recursos que lles permitan complementar e mellorar o apoio que xa prestan aos seus fillos, sen diminución das súas oportunidades laborais, educativas ou de vida social, seguindo así os principios do Decreto 183/2013, de 5 de decembro, polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá.

Este proxecto inscríbese nunha estratexia de estudo cuantitativo e cualitativo das necesidades dos nenos e das familias en ámbitos territoriais definidos co obxecto de investigar procesos e metodoloxías, obter resultados e coñecer os niveis de satisfacción das familias, contribuíndo a perfilar un dispositivo tipo cos servizos máis necesarios, os indicadores de seguimento da súa xestión e os perfís formativos idóneos dos profesionais. A experiencia das UDIAFS amosa, como reclama o Decreto antes citado, a importancia de contar con servizos de proximidade e fórmulas de traballo transversais, interdisciplinarias, de coordinación e xeración de sinerxías entre o conxunto de recursos que se moven ao redor das familias.

AGAT agradece aos equipos das UDIAFS así como aos concellos, institucións e profesionais das comarcas do Deza, do Salnés e Bergantiños a excelente acollida ofrecida a
este proxecto e o traballo realizado ata o de agora, que, indubidablemente, constituirá unha referencia no proceso de avance cara a consolidación e universalización da atención temperá, a promoción da autonomía e a prevención da dependencia nos máis cativos.

Pode descargarse no seguinte enlace ou na foto da portada

UDIAFS-SERVIZOS COMUNITARIOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ

VERSIÓN EN CASTELÁN

UDIAFS SERVICIOS COMUNITARIOS DE ATENCIÓN TEMPRANA

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

2,25 millóns de euros para SERVIZOS DE PROXIMIDADE NA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ
CONVOCATORIA SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA ATENCIÓN TEMPERÁ