Os vindeiros 28 e 30 de novembro imos celebrar o 10 aniversario da creación das Unidades de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá (UDIAFS) nas comarcas do Deza e do Salnés
Este proxecto é unha experiencia asistencial e de investigación impulsada pola Asociación Galega de Atención Temperá e financiada pola Xunta de Galicia
O seu obxecto é poñer a disposición das familias, na proximidade do seu domicilio, da súa escola e do seu traballo, un apoio personalizado sen diminución das súas oportunidades laborais, educativas ou de vida social.
Dende hai 10 anos, nas comarcas do Deza e do Salnés, e mais adiante na comarca de Bergantiños, coa colaboración das administracións locais e os recursos sociais, educativos e sanitarios, ao tempo que realizamos a nosa tarefa asistencial como servizos comunitarios da Rede Galega de Atención Temperá vimos recollendo datos e estudando procesos, metodoloxías e niveis de satisfacción das familias, co obxectivo de modelar un dispositivo tipo cos servizos máis necesarios, os indicadores de seguimento da súa xestión e os perfís formativos idóneos dos profesionais.
A experiencia das UDIAFS proporciona datos esenciais para analizar a demanda e planificar o desenvolvemento da Rede Galega de Atención Temperá. O día 28 de novembro en Lalín presentaremos un documento coas conclusións máis relevantes.