A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta, Begoña Abeijón, visitou o pasado día a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Deza (UDIAF-Deza), para coñecer de primeira man as actuacións que se levan a cabo dende este servizo coas familias de nenos de 0 a 6 anos con problemas no desenvolvemento ou risco de padecelos. Na visita estivo acompañada pola tenente alcalde do Concello de Lalín, Paz Pérez , a concelleira de Política Social Carmen Canda e polo presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) Jaime Ponte.
A UDIAF Deza, forma parte, xunto coas UDIAF do Salnés Norte, Salnés Sur e Bergantiños, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social. Dende a súa posta en marcha en 2009 ten sido unha das referencias fundamentais para a elaboración do Decreto 183/2013 polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá e do Protocolo de Coordinación, Intervención e Derivación entre as Consellerías de Traballo e Benestar, Educación e Sanidade, así como para estudar as bases para unha carteira de servizos no eido da atención temperá.
A unidade presta asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos. Asemade, unha grande parte do seu traballo consiste en colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos.
No transcurso da visita presentáronse os resultados da actividade asistencial levada a cabo durante o 2024, no que o servizo atendeu a un total de 144 familias cunha media de 90 familias ao mes, chegando ao límite da súa capacidade asistencial.
Segundo os datos recollidos, realizáronse un total de 3867 prestacións individuais; destas, 153 foron consultas de acollida, 252 sesións de valoración , 2943 sesións de apoio directo e 410 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos sanitarios sociais e educativos. A idade media no acceso foi de 2,5 anos
A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito do desenvolvemento infantil. Dos atendidos no 2024, un 36% do total corresponden aos evolutivos e sindrómicos, e destos ata un 20% pertence a trastornos graves do desenvolvemento; así mesmo, os problemas da linguaxe/fala sitúanse nun 33%, e nun 14% os do ámbito afectivo-emocional, Atendéronse igualmente problemas de hábitos, de conduta, atención, motrices, sensoriais e cognitivos.
O servizo presta asistencia a todos os concellos da comarca do Deza, sendo a maior parte das familias atendidas, residentes no municipio de Lalín (57%), un 23% en Silleda, 10% en Vila de Cruces, 5% en Rodeiro, 4% en A Golada, e 1% en Dozón; cifras normalmente correlativas á poboación dos distintos Concellos.
Dende que abriu as súas portas a mediados do 2009, a UDIAF-Deza atendeu a preto de 800 familias. Na actualidade, o equipo interdisciplinario está conformado por 4 profesionais especialistas en desenvolvemento infantil e atención temperá a tempo completo; conta tamén co apoio dun auxiliar administrativo. Dende o mes de xuño do pasado ano, incorporouse de forma temporal un quinto profesional a tempo parcial para poder dar resposta a elevada demanda asistencial.
Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,86 sobre un máximo de 5.
Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca do DEZA, radicado no edificio UNED da a Rúa E do Parque Empresarial Lalín 2000, por cesión do Concello de Lalín. Pode entrarse en contacto coa Unidade no correo electrónico dezas@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 986794466.