PRENSA 14/07/2020
O Sindicato de Enfermaría (Satse) lamentou este martes que o Sergas “trate de xustificar a externalización de atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia” a entidades privadas na área de Vigo “por falta de profesionais”.
Así o destacou a través dun comunicado de prensa no que critica que “o Sergas non atope outra opción que asinar concertos con empresas privadas para a atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia na área sanitaria de Vigo e así derivar a pacientes a centros externos aos que pagará 700.000 euros anuais”.
O Sindicato de Enfermaría asegura que “non comparte, nin comprende, que o Sergas basee a súa decisión na falta de profesionais”. En canto aos recursos humanos, destaca Satse que “existen profesionais de todas as categorías para cubrir as necesidades da área, mesmo coa especialidade de Atención Temperá nas súas listas de contratación temporal”, polo que considera que “é máis unha cuestión de vontade de contratación ou procura activa de profesionais cualificados para cubrir o servizo”.
Deste xeito, considera que “debería esixir a estas empresas que a duración de sesións sexa como mínimo a que se realiza no Sergas para evitar que os usuarios e pacientes teñan tempos moi reducidos nas súas sesións”, ou, engade, “que teñan que custearse parte do tratamento, os que teñan a posibilidade de facelo, xa que a sanidade pública non cubrirá as necesidades destes pacientes ou o fará dunha maneira moi deficiente”.
“Isto supón unha grave discriminación xa que segundo os principios de Atención Temperá debe ser gratuíta, universal e individualizada. Isto suporía, segundo o publicado, outro prexuízo máis”, resaltan.