Noticias

SALCEDA E AS NEVES RENOVAN O SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ

Os Concellos de Salceda de Caselas e As Neves veñen de asinar a renovación do convenio de xestión conxunta do gabinete de atención temperá para atención á poboación infantil de 0 a 6 anos, co obxectivo de seguir a dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A Alcaldesa de Salceda Loli Castiñeira e a Concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, xunto co Alcalde de As Neves Xose Manuel Méndez e a Concelleira Pilar González visitaron as instalacións deste último Concello.

O gabinete conta cun equipo especializado formado por catro integrantes dos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, e atende tres días da semana en Salceda e dous nas Neves. O servizo está financiado nun 90% pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo, que concedeu unha partida de 105.383,70 € para este último ano. Neste último ano atendeuse a un total de 81 nenos e nenas entre os dous Concellos, derivados dende os servizos de pediatría. Aínda así, lembran que calquera familia pode achegarse a pedir información.

O gabinete traballa en contacto constante cos equipos de orientación dos diferentes centros escolares, así como coas pediatras dos centros de saúde, garantindo así a cobertura á maior cantidade de nenos e nenas posible, e analizando as diferentes necesidades de cada quen dende os diferentes sectores.

No caso do Concello de Salceda de Caselas, o Gabinete de atención temperá uníuse ao servizo de pedagoxía e logopedia co que xa contaba o Concello dende fai unha década, e que o converte nun dos poucos Concellos de Galicia que ofreza estes dous servizos.

Loli Castiñeira e Xose Manuel Méndez asinaron este novo convenio de colaboración conscientes do privilexio que supón contar con un programa coma este, que ofrece un servizo de proximidade, de calidade e gratuíto, que doutro xeito sería inaccesible para moitas das familias que fan uso do mesmo. Alcalde e alcaldesa coincidiron ademais en que servizos deste tipo son importantes para consolidar o asentamento da poboación no rural.

Tags: Noticias

Outras entradas

NOVA LOGOPEDA PARA O SAT DE A POBRA
3,4 MILLÓNS DE EUROS PARA ATENCIÓN TEMPERÁ EN 2021