PRENSA 16-12-2021
Os tres grupos parlamentarios —PPdeG, PSdeG e BNG— aprobaron este xoves por unanimidade unha proposición non de lei defendida polo Bloque pola que instan a Xunta a «ampliar e reforzar» a rede galega de atención temperá para atender a infancia menor de seis anos con trastornos.
A iniciativa foi presentada polo Grupo do BNG na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego, defendida pola deputada Olalla Rodil, quen celebrou o acordo. O PP presentou unha emenda de substitución, que foi aceptada.
O BNG defende que este fortalecemento da rede galega de atención temperá «deberá estar debidamente orzado e calendarizado». Rodil, explicou a súa formación nun comunicado de prensa, celebrou este acordo parlamentario «en toda a súa extensión» e, de maneira especial, en garantir a atención temperá para todos os nenos de 0 a 6 anos que a necesiten».