O Consello Autonómico de Atención Temperá aproba o protocolo de coordinación, intervención e derivación entre a sanidade, a educación e os servizos sociais
Santiago, 22 de decembro de 2014.– O Consello Autonómico de Atención Temperá reuniuse en sesión extraordinaria no día de hoxe, coa finalidade de aprobar o protocolo de coordinación de atención temperá, un fito na historia da autonomía que permitirá acadar a complementariedade das intervencións, evitando a duplicidade de servizos e garantindo, en todo caso, un único modelo de intervención para os tres sistemas: saúde, educación e servizos sociais. Na xuntanza participaron a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o de Cultura e Educación, Jesús Vázquez; e a de Sanidade, Rocío Mosquera.
Segundo explicou Mato, presidenta deste Consello durante este ano 2014, “trátase dunha rede imprescindible se queremos ofrecer unha atención verdadeiramente integral e eficiente, que satisfaga as necesidades e dereitos dos nenos e as súas familias”, tendo en conta que a atención temperá incide directamente nos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos e no benestar das súas familias. Mato engadiu que “é unha rede que vai significar un xeito uniforme de traballar que garanta a homoxeneidade na abordaxe da atención temperá”.
A atención temperá é o conxunto de intervencións dirixidas a poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e ao seu contorno, tendo por obxectivo dar resposta ás necesidades, transitorias ou permanentes que presenten os nenos e nenas con trastorno no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Deste xeito, o protocolo contempla cada unha das fases de actuación cos menores que presenten trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, así como os procesos de intervención coas súas familias, definindo en cada fase o obxecto desta, os ámbitos e os procedementos.
No que se refire á fase de detección precoz, cómpre destacar, no eido da sanidade, a importancia do diagnóstico e tratamento prenatal, que implica aos profesionais sanitarios que participan no seguimento do embarazo e do parto, así como aos profesionais da pediatría.
Pero a detección tamén pode producirse nos servizos sociais a través da rede de escolas infantís, dos servizos sociais comunitarios ou especializados, e no sistema educativo, nomeadamente no alumnado do segundo ciclo de educación infantil.
Na segunda fase, a de derivación, no caso de confirmar a sospeita de trastorno no desenvolvemento os servizos de pediatría derivarán ao menor e a súa familia, xa sexa ás unidades de atención temperá existentes nos complexos hospitalarios ou ben aos centros e programas de de desenvolvemento infantil e atención temperá do sistema de servizos sociais.
O segundo núcleo, o de valoración e intervención, está dividido en catro fases: acollida, valoración, intervención e avaliación.
En canto á finalización da atención temperá, esta prodúcese principalmente cando se cumpren os obxectivos establecidos ou cando o neno cumpre os 6 anos de idade. Neste último caso, faise necesario garantir a existencia dun nexo de continuidade cos servizos destinados ás persoas maiores de 6 anos (tanto no sistema educativo, como no sanitario ou nos servizos sociais).
Todas estas fases están perfectamente desenvolvidas no Protocolo e nelas recóllese unha coordinación total entre os tres departamentos. Nesta mesma liña, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, destacou a importancia da integración e coordinación entre os diferentes dispositivos existentes e dependentes das diferentes consellerías implicadas na rede de Atención Temperá.
Destacou, en primeiro lugar, o papel central e regulador que desenvolven os profesionais sanitarios na detección, valoración e derivación destes nenos, así como a relevancia dos servizos de rehabilitación hospitalarios. En segundo lugar, tamén salientou a importancia de establecer criterios claros de entrada na rede galega de Atención Temperá, diferenciando ben aqueles problemas que son de indicación hospitalaria.
A conselleira de Sanidade afirmou que hai que continuar traballando e de cara o futuro é imprescindible ir normalizando e adecuando as estruturas dos actuais servizos que participan na Atención Temperá ás necesidades reais detectadas.
Liñas estratéxicas
Doutra banda, o Consello presentou o documento que recolle as liñas estratéxicas da acción temperá en Galicia, que elaborou na Consellería de Traballo e Benestar (que exerce a Presidencia rotatoria ata marzo) en base ás achegas realizadas por todos os departamentos.
Unhas liñas que van marcar a folla de ruta da acción coordinada do Goberno e que se dividen en sete ámbitos de actuación: información e sensibilización, formación, planificación e programación, o desenvolvemento do protocolo de coordinación que vimos de aprobar, a participación e o apoio familiar, a innovación e investigación, e a calidade.
Ademais, o documento inclúe varios anexos con información práctica como un listado cos criterios de entrada na Rede Galega de Atención Temperá; outro coas patoloxías infantís subsidiarias de rehabilitación; un documento de referencia para a clasificación diagnóstica dos trastornos do desenvolvemento; e un catálogo dos recursos de atención temperá que existen actualmente na nosa Comunidade, entre outros.