O pasado día 3 de xuño, na Cidade da Cultura e no marco do 20 aniversario da constitución da Asociación Galega de Atención Temperá, tivo lugar a xornada o ”O pracer de xogar” que contou co patrocinio da Consellería de Política Social. E coa que AGAT quería recoñecer e poñer en valor o papel transcendental e imprescindible do xogo no desenvolvemento persoal e a socialización de todos os nenos e todas as nenas. Mais dun cento de persoas acudiron ao Gaias.
Na cerimonia inaugural que tivo lugar no Auditorio Neira Vilas participaron representantes das tres consellerías que forman parte do Consello Autonómico de Atención Temperá: a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización, Amparo González, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa Manuel Corredoira e o subdirector de Planificación e Programación do SERGAS Alfonso Alonso. Igualmente participou o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Amparo González aproveitou para felicitar a AGAT “non só pola organización desta xornada de tanta calidade, se non tamén por toda a vosa traxectoria ao longo destes 20 anos”. Unha felicitación que fixo extensiva “a todas as persoas que forman a asociación; profesionais, familias, e persoas colaboradoras, por continuar coa mirada posta nos obxectivos que son os de todas e todos nós; o desenvolvemento da atención temperá en Galicia”.
Ademais dunha atención integral, González fixo referencia á necesidade de coordinar esforzos para consolidar a rede galega de atención temperá. “Facemos falta todos e todas, unha suma de esforzos – sinalaba González Méndez – da Consellería de Sanidade, da Consellería de Educación, e de Política Social; pero tamén dos concellos, tanto dos que teñen servizos de atención temperá como dos que necesitan crealos, así como tamén do terceiro sector da atención temperá”.
Finalmente, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica asegurou que “só co traballo diario, coa profesionalidade do persoal técnico da atención temperá, coa mirada posta nos mesmos obxectivos, aprendendo cada día e tamén xogando cada día cos nosos nenos e nenas, facendo unha intervención coordinada e integral, poderemos facer fronte aos trastornos do desenvolvemento, facer prevención e axudar mais e mellor aos nenos e nenas e ás súas familias e promover así un futuro mellor”.
Na conferencia inaugural, José Luis Linaza, catedrático da Universidade Autónomo de Madrid e un dos maiores expertos mundiais no tema do xogo expuxo como o xogo e unha necesidade evolutiva imprescindible das especies que, como a humana, nacen máis inmaturas. O xogo – dixo Linaza – é necesario para alcanzar a condición humana e por iso debe ser un dereito. Linaza explicou como os nenos e as nenas constrúen o seu coñecemento dun xeito activo. E alertou fronte a ignorancia e a dependencia á que levan os sistemas educativos que os sitúan nunha posición meramente receptiva e de pasividade.
A continuación, Nerea Couselo, Itos Lorenzo e Xoana Balado examinaron diversas proposta para facilitar a promoción do xogo, a súa función preventiva e o seu poder transformador no ámbito da Atención Temperá. A partir das súas experiencias sinalaron igualmente a importancia de que sexan os nenos e as nenas os que definan o xogo sendo o papel dos adultos manter unha especial sensibilidade para comprender que instalacións ou escenarios poden ser os más axeitados para favorecer a iniciativa lúdica dos cativos, a expresión dos seus intereses, desexos e conflictos. Destacando tamén a necesidade de non confundir xogo con xoguete, evitar a saturación de obxectos, estímulos sensoriais ou audiovisuais que capturan a atención pero limitan a actuación e a creatividade.
Para rematar a sesión da mañá tomou a palabra o psicomotricista arxentino Daniel Calmels, invitado especialmente por AGAT con ocasión do seu 20 aniversario. Calmels, unha figura eminente no campo Psicomotricidade expuxo a diferencia entre organismo e corpo. Sendo o organismo unha construción biolóxica que nos ven dada e o corpo unha construción psicosocial aberta que se vai realizando a través do diálogo coas persoas significativas na vida de cada rapaz. Calmels fixo unha brillante exposición sobre os distintos tipos de xogos que realizan os pais, os familiares e coidadores dos cativos, definíndoa como unha función “corporizante” fundamental para os procesos de comunicación e aprendizaxe.
Á tarde, tiveron lugar diversos obradoiros sobre Contos (con Bea Campos, Olga Lalín e Esther Medraño, Teatro (Limiar Teatro e Alex Sobrino), Espazos de xogo (Yaiza Ageitos e María A. Bernárdez) e Música (Sara Herrera e Marcos Estévez), no que os relatores, artistas destacados, compartiron recursos e ideas para apoiar o xogo infantil nos diferentes ámbitos familiares ou de traballo profesional
A conferencia de clausura foi impartida por Antón Cortizas, co seu extraordinario relato “O colo dos palabras”, un fascinante percorrido poético e proxectivo ao redor dos xogos e as cancións para xogar no colo tradicionais de Galicia. Unha intervención emocionante para pechar un dia inesquecible.
[gdl_gallery title=”Un novo impulso” width=”275″ height=”190″ ]