GaliciaNoticias

Informe da AGAT sobre a situación da Rede de Atención Temperá

Enlace ao pdf

A SITUACIÓN DA REDE COMUNITARIA DE ATENCIÓN TEMPERÁ

 

 

A REDE DE ATENCIÓN TEMPERÁ

A Xunta Directiva da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), na súa última reunión, celebrada o 22 de setembro de 2018, acordou aprobar e remitir ao Presidente da Xunta de Galicia, Consello Autonómico de Atención Temperá, Parlamento de Galicia e FEGAMP,  así como aos nosos socios o seguinte informe sobre a situación da Rede Comunitaria de Atención Temperá[1].

 

  • Na última década AGAT, xunto con outras entidades, ten cooperado estreitamente coas administracións públicas no obxectivo de actualizar o modelo de Atención Temperá e recuperar o retraso histórico da nosa comunidade respecto doutras autonomías. A extensa casuística e avaliación de procesos realizada polas unidades piloto de AGAT[2] grazas aos sucesivos convenios coa Xunta de Galicia, a colaboración no Decreto 183/2013 polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá, e a formalización do Protocolo de Coordinación[3] entre os servizos sanitarios, educativos e sociais (2014), inscríbense nesa traxectoria.

 

  • Sen embargo, debemos lamentar, o escaso esforzo inversor e normativo que se ven producindo na vixente lexislatura e que está a incrementar a distancia entre Galicia e o resto das Autonomías. Autonomías que, conscientes da transcendencia da prestación, nos últimos anos, en moitos casos, duplicaron o esforzo inversor. Así, os datos actualizados de recursos dedicados á Atención Temperá de proximidade para os nenos e nenas de 0 a 6 con problemas evolutivos sinala a día de hoxe unha situación comparativa moi desfavorable.

 

Ano datos CC.AA. Nº nenos/as 0-6 Proxección 2017 Gasto anual  €[4] Inversión neno/a/ano
2018 ANDALUCÍA 494.167 28.800.000 € 58 €
2018 ARAGÓN 67.591 5.700.000 € 84 €
2016 BALEARES 62.800 2.800.000 € 44 €
2018 CASTILLA‐LA MANCHA 109.844 7.500.000 € 68 €
2017 CATALUÑA 443.075 40.332.000 € 91 €
2018 C.  VALENCIANA 259.829 12.400.000 € 47 €
2018 GALICIA 116.675 1.715.000 € 14 €
2018 MADRID 385.803 11.200.000 € 29 €
2017 MURCIA 94.967 4.586.775 € 48 €
2018 NAVARRA 36.348 2.700.000 € 74 €
2016 RIOJA (LA) 16.889 1.200.000 € 71 €

 

Segundo estes datos para aproximarse á media nacional Galicia debería contar xa hoxe cunha inversión en torno aos 6-7 millóns de euros

 

  • Estas carencias teñen reflexo na escasa extensión da rede. Trinta anos despois de que se creara o primeiro servizo de proximidade (A Pobra, 1987), de 314 concellos, tan so 92 contan cos Servizos de Atención Temperá[5] que marca o Decreto de 2013, pero a maioría non teñen claridade sobre o seu futuro. Así, por exemplo, os últimos 6 servizos creados[6] veñen de ser subvencionados por dous meses (do 1 de Setembro a 31 de Outubro de 2018). E o resto funciona con subvencións periódicas por meses (programa operativo FSE 2014-2020), ou por convenio renovable anualmente (AGAT), sen que a dia de hoxe teñamos noticia algunha sobre as previsións de futuro da administración autonómica.

 

  • A pobreza da  extensión e a imprevisión no financiamento da REDE ten como consecuencia, entre outras[7], que os servizos estean suxeitos a unha situación de continua inestabilidade profesional, inseguridade en canto ao seu futuro, fallas na estabilidade e formación dos equipos,  limitacións na coordinación e creación de sinerxias cos recursos das súas comarcas, e moitas dificultades para coidar e afondar os procesos fundamentais de vinculación e cooperación cos nenos e coas familias que implica a Atención Temperá.

 

Cremos que precisamos con urxencia un Plan de consolidación e de extensión da REDE de Atención Temperá, e un sistema estable de financiación con fondos propios, que  proporcione aos equipos a  seguridade que precisa a súa actuación, e que valore a actividade profesional acorde co nivel de formación esixido (obrigatoriedade do posgrao)

 

  • As carencias no desenvolvemento normativo, producen que A REDE aínda non teña un sistema regulador das instalacións e dotación equilibrada dos equipos conforme a unha planificación rigorosa de necesidades[8]. Desde xeito esta á suceder que un mesmo número de profesionais (o mínimo de 3 que forma cada equipo) atendan por igual unha comarca de 10.000 que unha de 100.000 habitantes. A consecuencia é a existencia de comarcas sen medios, comarcas con exceso de medios e comarcas con sobrecarga asistencial, as veces insostible. Existen no momento actual comarcas con listaxe de espera e con demoras na primeira consulta superior aos 50 días, superando o estándar internacional de 30 días máximo de demora nunha atención que debe ser precoz.

 

Consideramos que é imprescindible desenvolver unha Orde que concrete o Decreto 183/2013 no referido a acreditación dos servizos e as súas dimensións. AGAT propón que conforme a estándares profesionais contrastados as horas de servizo se calculen  en relación á poboación diana que se debe protexer, se impidan as listas de espera e se regulen os tempos máximos de demora asistencial.

 

  • Esta Orde debería tamén dotar dun soporte informático unificado aos servizos. Debemos recordar que AGAT fixo entrega gratuíta hai máis de dous anos á empresa INDRA e á Xunta de Galicia do programa informático que creamos para as nosas unidades sen que ata a data se concretara ningún produto para facilitar a xestión e avaliación unificada dos centros. Polo contrario a normativa de subvencións estableceu condicións [9] absurdas para ao trámite e xustificación da actividade dos servizos, obrigando aos profesionais a dedicar unha parte inestimable do seu tempo en papeleos innecesarios.

 

AGAT reitera que para facilitar unha prestación tan complexa como a Atención Temperá é imprescindible un software actualizado e profesional de xestión.

  • A complexidade e implicación na Atención Temperá dos servizos sociais, educativos e sanitarios debería dar lugar a una dinamización e coordinación dende a Comisión Técnica e o Consello Autonómico de Atención Temperá, creados polo Decreto xa citado. AGAT ten que lamentar a inactividade destes organismos administrativos, a desaparición na EGAP do Plan de Formación en Atención Temperá (despois das edicións 2015 e 2016) e a falla de continuidade da Axenda de Atención Temperá 2015-2017, con moitos dos seus obxectivos e liñas de actuación incumpridas.

 

Debería restablecerse o Plan de Formación Anual e actualizarse a Axenda de Atención Temperá para 2018-2020 coa participación das entidades interesadas. E sería recomendable que a Xunta de Galicia creara un organismo administrativo específico, polo menos co rango de Xefatura de Servizo, dedicado plenamente ao desenvolvemento, xestión, coordinación e avaliación da REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ.

 

A Atencíón Temperá é un sistema de apoio que produce cuantiosos retornos persoais, sociais, educativos, laborais e finalmente, económicos[10][11]. Non é unha prestación de beneficencia, é unha aposta intelixente para un futuro mellor e máis próspero para todos os nosos fillos e fillas. Esperamos que entre todos, administracións, organizacións políticas e sociais, familias e profesionais sexamos capaces de poñer en pé esta REDE de apoio á infancia que Galicia necesita

 

 

Setembro 2018

Asociación Galega de Atención Temperá

Asinado: Presidenta Teresa Busto Domínguez

 

 

URL://atenciontemprana.com

Correo: agat@atenciontemprana.com

Teléfono: 698124611

Domicilio: Carmen 39-41, 2º Esq., 15402 Ferrol

 

 

 

 

 

[1] Decreto 183/2013, polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá

[2] Ver memorias de actividades das UDIAF do Deza, Salnés e Bergantiños (2009-2017)

[3] http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/protocolo-de-coordinacion

[4]  En servizos comunitarios concertados de entidades e concellos, excluídos servizos educativos e sanitarios

[5] Centros de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá segundo o artigo 10. 2.a do Decreto 183/2013

[6] RDE do 27 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento BS700A).

[7] Non imos abundar aquí sobre as consecuencias sobre a detección precoz, conciliación familiar, estrés, asistencia as escolas da contorna, etc., que son sobradamente coñecidas.

[8] Planificación para que tanto AGAT como a Federación estatal de profesionais teñen achegado datos suficientes. (Ver por exemplo o documento da AGAT (2016) UDIAFS. Servizos comunitarios de AT)

[9] Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede Galega de atención temperá, cofinanciada polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017 (DOG núm. 126, do 05/07/2016)

[10] The Lancet (2016). Advancing Early Childhood Development: from Science to Scale

[11] Garcia, J. L, Heckman, J. (2017), The Life-cycle Benefits of an Influential Early Childhood Program. Research Summary

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

En Marea reclama mais medios para a Rede Galega de AT
Xenética e enfermidades mentais