En 1998 xunto con outras asociacións e entidades de Galicia participamos na elaboración do «Documento sobre necesidades de Atención Temperá». Entre 1998 e 2000, a través da convocatoria INTER do IMSERSO coordinamos o estudo e posterior publicación da «Guía de Estándares de Calidade» e no «Formulario de Auto-evaluación». Tamén nesa época participamos nos traballos do «Libro Branco de Atención Temperá» editado por primeira vez polo Real Padroado de Discapacidade no ano 2000. E posteriormente, a través da colaboración GAT-Real Patronato, AGAT estivo presente nos proxectos que desembocaron na elaboración das «Recomendacións Técnicas para o desenvolvemento da Atención Temperá» (2003), na «Organización Diagnóstica para Atención Temperá» (2004 e 2008), na «Guía do Desenvolvemento» (2005), na catalogación do libro «Recursos actuais da Atención Temperá en España» (2010), no estudo «A Primeira Noticia» (2011) e na recopilación normativa «Atención Temperá e Dependencia» (2011). En 2005, xunto con outras asociacións de familias e profesionais, redactamos o «Documento Marco sobre Atención Temperá en Galicia». Entre 2006 e 2009, en colaboración coa Xunta de Galicia, AGAT deseñou e implementou en 25 escolas infantís de Galicia o proxecto «a_tempo» de detección precoz. E, tamén mdiante convenio coa Xunta de Galicia, dende 2009 AGAT implantou dúas unidades experimentais de Atención Temperá, as Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Deza e do Salnés dende o que se elaboru unha proposta de «Carteira de Servizos». No ámbito da colaboración coa administracón autonómica cabe destacar tamén a participación da nosa Asociación no IV Plan Integral de Apoio ás Familias, no Plan Integral de Apoio ás Persoas con Discapacidade (2010-2013) e no Decreto polo que se crea a «Rede Galega de Atención Temperá».
Dende a súa constitución en Marzo de 1997, AGAT promove e participa en estudos, proxectos de investigación, documentos de consenso profesional e implementación de prácticas profesionais dirixidas á mellora continua dos sistemas de apoio ás crianzas de 0 a 6 anos e ás súas familias.