Dentro da ronda de contactos que ven celebrando AGAT, o xoves 24 de outubro, unha delegación da Asociación, formada por Teresa Busto, Presidenta, e Jaime Ponte, Vicepresidente, mantivo unha entrevista con, Alfredo Garcia Rodríguez, Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), co obxecto de expoñerlle a situación actual da Rede Galega de Atención Temperá e as demandas da AGAT respecto da necesidade de incrementar a inversión, realizar unha planificación asistencial rigorosa e desenvolver o Decreto 183/2013, establecer un modelo axeitado de financiación, acreditación e avaliación dos servizos.
Galicia é unha das Comunidades Autónomas que menos inviste en Atención Temperá, 1.948.953 €, para 2019, no proxecto de orzamentos recén enviado pola Xunta de Galicia ao Parlamento. Cifras que contrastan coas de outras Comunidades como Cataluña – 40 millónes e 100 centros, Andalucia, 28,8 millóns e 179 centros. Por outra banda a maioría das Comunidades Autónomas dispoñen de acordos marco ou regulacións que aseguran un modelo de financiamento adecuado
Para AGAT, o modelo de financiamento debe garantir a universalidade do dereito á Atención Temperá, a equidade e igualdade de oportunidade, non ter custo económico para as familias nin directo nin indirecto, asegurando a proximidade dos recursos aos lugares de vida ordinaria das familias e dos nenos/as, a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e a presenza e participación do neno/a nas rutinas das súas contornas naturais habituais.
En tanto que servizo público o financiamento dos servizos de Atención Temperá debe ser pública na súa totalidade e prestada a través de centros propios ou concertados cos concellos ou coas entidades sociais.