O 70% dos municipios está aínda fóra da Rede Galega de Atención Temperá. A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia fai cinco propostas ás forzas políticas de cara ás eleccións locais, ante as enormes taxas de pobreza infantil.
Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/05/2019 |
A infancia é unha das grandes esquecidas nos debates electorais. É por isto que a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia decidiu dar un paso á fronte cara á campañá electoral das municipais e europeas para reclamar ás formacións políticas maior compromiso cos dereitos de nenos e nenas.
De cara á celebración das vindeiras eleccións, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia quere achegar aos distintos partidos políticos unha serie de “propostas que sitúen a infancia no centro das políticas locais e que recoñezan e garantan o desfrute dos seus dereitos máis fundamentais”. Para isto, din, “a intervención dos municipios, como institución máis próxima aos cidadáns, é clave”.
Os datos seguen sendo alarmantes: “o 20,3% da poboación galega está en risco de exclusión, facéndose especialmente preocupante este risco en fogares con nenas, nenos e adolescentes a cargo (un 27% de persoas menores de 18 anos)”, expón a Plataforma.
É por isto que “cómpre tomar medidas que revirtan estes datos e que eviten que aumente o número de familias, nenas e nenos afectados por estas situacións de carencia”, advirten.
A pobreza infantil tamén é ‘estrutural’, xa que quen nace pobre ten moitas posibilidades de vivir o resto dos seus días na miseria. Segundo os datos que manexa a Plataforma, “o 80% das persoas que foron pobres na infancia seguirán a selo na idade adulta, Variables como a renda, o nivel de estudos e a situación laboral de pais e nais poden definir a transmisión interxeracional da pobreza”.
Ante isto, apélase a un “modelo de implicación, vinculación e coordinación de todas as administracións cunha perspectiva de ciclo vital que rache a fenda da desigualdade dende o primeiro chanzo da protección e promoción da cidadanía, a Administración local”.
MENORES ATENDIDOS EN GALICIA
Os últimos datos do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social recollen que en Galicia houbo un total de 3.261 nenos e nenas atendidos no Sistema de Protección á Infancia no ano 2017. Unha cifra que, para a Plataforma, “reflicte unha realidade de risco e desprotección da infancia, que apela a unha responsabilidade compartida entre toda a sociedade na procura do seu coidado e protección”.
A entidade considera que a “única maneira efectiva” de facer fronte a desprotección dos cativos é “a atención temperá e próxima ás familias”, para “atallar situacións de risco que poden ser revertidas”.
Neste senso, insisten en que “o labor dos concellos é vital na súa posición de proximidade á cidadanía, fortalecendo a rede de servizos sociais comunitarios básicos establecendo programas de atención psicosocial para familias con nenos e nenas en situación de risco de desprotección”.
A Plataforma pide extender a Rede Galega de Atención Temperá para que chegue ós 223 concellos que aínda carecen deste servizo fundamental“. É dicir, o 70,6% dos municipios galegos carecen deles.
A Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), reclamou o pasado mes de abril, coincidindo co Día da Atención Temperá, “un pacto pola infancia que favoreza incrementar os servizos existentes en Galicia, e aproximar a atención ás familas e as súas necesidades dende o respecto e o apoio ás súas rutinas de vida, aos intereses laborais dos pais e a integración educativa das crianzas”.
AGAT entende, a partir do estudo comparativo con outras comunidades autónomas e dos datos de Galicia, que polo menos “sería necesario un investimento de 10 millóns de euros para que a Rede Galega poida empezar a considerarse unha rede de calidade, e situarse ao nivel doutras autonomías. Un investimento que, din, “ten un retorno medio de 13 euros por euro investido”.
Outro aspecto que destaca a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia é o da participación infantil, xa que conforme ás observacións do Comité sobre os Dereitos do Neno no seu último informe sobre España, é necesario garantir que os menores poidan expresar libremente as súas opinións sobre os asuntos que lles afectan e estas deben ser tidas en conta. En Galicia, sinalan, dez concellos contan xa con órganos estables de participación infantil e adolescente, como órganos de consulta no ámbito da política no concello.
PROPOSTAS AOS PARTIDOS
A Plataforma concreta cinco propostas para as forzas políticas en materia de infancia. En primeiro lugar, pide que se promova a elaboración de plans integrais de infancia e adolescencia a nivel municipal, que dean coherencia a todas as políticas, programas e servizos para a infancia, desde unha perspectiva de cumprimento dos dereitos e que estableza prioridades e metas medibles e temporalizadas baseadas nas necesidades específicas da infancia. Un plan que debería ir acompañado dun orzamento axeitado para a súa execución e partir dun diagnóstico que permita coñecer a situación de partida.
Outro punto é que asuman o compromiso de manter ou incrementar os recursos económicos destinados á infancia, para garantir a igualdade de oportunidades e a non discriminación dos nenos, nenas e adolescentes, baixo unha perspectiva de equidade.
Tamén esixen que se fomente a creación de pactos locais contra a pobreza infantil que inclúan medidas como fomentar as medidas de redución dos custos dos fogares, aumentar a asignación de recursos para a implementación de políticas sociais de apoio a nenas, nenos e adolescentes con necesidades especiais… Neste senso, piden especial atención aos cativos máis vulnerables, como é o caso da infancia da comunidade xitana, infancia en sistemas de protección, infancia de orixe migrante, infancia LGTBI ou infancia con discapacidade.
Consideran necesario, ademais, articular espazos onde se garanta a consulta á infancia e se incorporen as súas propostas na toma de decisións, e promover a creación de órganos locais de participación infantil e adolescente como espazos estables para escoitar e ter en conta as experiencias, necesidades, intereses e propostas dos nenos, nenas e adolescentes nos procesos de toma de decisións.
Por último, urxen a promover a sensibilización sobre a cultura do bo trato e contra o castigo corporal entre á poboación tanto adulta como infantil, para erradicar a violencia.
QUE PROPOÑEN OS POLÍTICOS?
O PSOE é o único partido cun capítulo específico no seu programa para a infancia, titulado “Necesitamos una legislatura de la infancia”. Nove páxinas nas que afonda en medidas concretas para un país que “tiene una asignatura pendiente con su infancia”.
O Partido Popular dedica unha páxina á infancia e xuventude no capítulo dedicado á Familia, con dez propostas nas que inclúe un “plan contra la violencia sobre la Infancia y adolescencia”, “programas destinados a erradicar la pobreza infantil”, “protección de los niños frente a los desahucios y desalojos” e “o III Plan Estratégico Nacional de Infancia y Adolescencia”.
Unidas Podemos, representada en Galicia por En Común, incluíu no seu programa para as xerais “incrementar la inversión pública en la infancia hasta alcanzar la media europea”, “desarrollar un verdadero sistema de atención temprana integral, universal, gratuita y pública”, “protección integral frente a las agresiones sexuales a niños, niñas y adolescentes” e “garantizar la cobertura universal y gratuita de la educación infantil (de 0 a 3 años)”.
No programa electoral marco do BNG para as eleccións municipais non existe nin un só capítulo dedicado especificamente ás necesidades e dereitos da infancia. Ao máis que se achega é a unha proposta sobre escolas públicas e vinculada ao problema da lingua: “Exixir da Xunta a ampliación da rede de escolas infantís, que serán de xestión pública e integramente financiadas pola Xunta, para garantir a universalidade da prestación do servizo e o uso da nosa lingua”.
No programa para as eleccións xerais, no Bloque contemplaban “transferir á Galiza o Programa Educa3 de fomento da Educación Infantil, incrementando as prazas e a construción de Escolas Infantís para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais dende un punto de vista educativo e non asistencial”.
En Marea incluía no seu programa para as xerais varias medidas, como “impulsar un plan de choque específico contra a pobreza infantil”, “aumentar o investimento en infancia, canto menos, ata a media europea, aumentando a prestación por menor a cargo”, “deseñar unha estratexia estatal de coidados que garanta redes eficaces de servizos públicos en materia de familia e atención á infancia”, a “socialización dos coidados”, un fondo de Compensación Educativa para financiar actuacións que aseguren a equidade en todo o territorio no exercicio do dereito á educación desde a Educación Infantil ao Ensino Superior”, “educación infantil de 0 a 3 anos pública, universal e gratuíta”, “unha rede de escolas infantí” e “garantir por lei a Atención Temperá para os menores que o precisen”.