Noticias

DECLARACIÓN DA AGAT EN RELACIÓN COA COBERTURA DE PRAZAS PARA O SERVIZO DE FRIOL, BEGONTE, PALAS, GUNTÍN E RÁBADE

A pasada semana tivemos coñecemento da reclamación realizada por seis profesionais en relación cos procedementos de cobertura das prazas de Logopeda, Enfermeira e Psicóloga para o Servizo de Atención Temperá dos concellos citados ao abeiro da Orde do 19/12/2019, DOG nº 16 do 24 de xaneiro de 2020, para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Cabe sinalar ao respecto dos procedementos seguidos que ao noso entender a convocatoria e as bases reguladoras publicadas polos citados concellos no Boletín Oficial da Provincia de Lugo nº 120 minimizan a exixencia da Orde da Xunta de Galicia no sentido de que o persoal “deberá estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá, ou acreditar experiencia suficiente en estas materias para a realización das súas funcións”. Nas bases aprobadas polos concellos, esta formación especializada apenas representa 0,2 puntos en relación cos 12 puntos que poden chegar a outorgarse no exame da fase de oposición.

Por outra banda, o citado exame veu a consistir nun cuestionario tipo test no que segundo a información da que dispoñemos a maioría das preguntas non tiñan relación coa práctica profesional se non con cuestións normativas e incluso relativas a Xeriatría ou Cirurxía, alleas por completo ao ámbito da Atención Temperá.

 Na opinión da AGAT, este procedemento de selección dista moito de ofrecer o rigor que cabe exixir na cobertura de prazas públicas para postos nun Servizo de Atención Temperá que como establece o decreto 183/2013 polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá require unha alta cualificación e responsabilidade, e que supón o desempeño de funcións diferentes e mais especializadas ás correspondentes as titulacións de grao básicas.

Na nosa opinión os feitos referidos deberían mover ao tribunal a unha revisión dos procedementos seguidos, sendo o mais recomendable que se revisarán as bases e se realizara unha nova fase de oposición.

31 de agosto de 2020 – A Xunta Directiva da AGAT

Tags: Noticias

Outras entradas

CONTRATACIÓNS PARA O SAT DE FISTERRA – SONEIRA – CARNOTA E MAZARICOS
PRIMEIRO SAT NO SUR DA PROVINCIA DE LUGO PARA QUIROGA, FOLGOSO DE COUREL E RIBAS DO SIL