O pasado venres 2 de xuño celebrouse con gran éxito na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela un curso sobre “O corpo nos procesos de comunicación e aprendizaxe. A función corporizante do adulto”. O curso, organizado pola AGAT no marco das actividades de conmemoración do seu 20 aniversario (1997-2017) contou co participación de 50 profesionais especialistas en Atención Temperá e foi impartido polos destacados psicomotricistas arxentinos Daniel Calmels e Mara Lesguéberis. O curso foi presentado por Teresa Busto, pedagoga do STAND de Noia e Presidenta da AGAT, e Ana Fernández Blanco, psicomotricista da UATH de Ourense e membro da XD da AGAT. Daniel Calmels, é autor dun sólido e continuado traballo[1] sobre a necesidade que ten o neno ou a nena dunha presencia sensible do adulto na crianza e construción do seu corpo, partindo da súa lúcida distinción entre organismo, dotación biolóxica, e corpo, construción psicosocial
Segundo Calmels a presencia corporizante do adulto pode pensarse tanto no sentido do establecemento dun lugar de refuxio, de seguridade e confianza, de nucleación dunha identidade, como na construción e na exploración das manifestacións corporales: a voz, a mirada, os sabores, a xestualidade e as actitudes posturais. O corpo é sempre portador dunha historia, dunha biografía construída cos adultos coidadores e cos iguais.
Pola súa parte Mara Lesguéberis autora dun fermoso libro[2] sobre os efectos da identidade de xénero no xogo, fixo fincapé na necesidade de vencer a división dominante entre xogos de nenos e nenas, e a imposición dende fora de liñas específicas de xénero (vencelladas á casa, a cociña, os coidados, etc.) no xogo das nenas cando “xogar debe ser libre e posibilitar a creación de todo tipo de mundos de ficción”.
O curso resultou apaixonante polo novidoso enfoque de Daniel Calmels e Mara Lesguéberis e a fondura teórica e artellamento práctico da súa reflexión. No transcurso da reunión tamén incidiron nas consecuencias dos cambios sociais e os deslizamentos que se están a producir nas prácticas e nas vivencias da crianza e que poden levar a cambios sen dúbida indesexables para a nosa infancia: do coidado ao control, da creatividade á pasividade, da tenrura á indiferenza, da paixón pola exploración á excitación pola novidade.
Teléfonos móbiles, xogos dixitalizados, parques de diversións, exceso de información, aceleración da vida e continuidade sen pausa, sitúannos ante a paradoxa de que os novos itinerarios de vida empobrezan e reduzan a construción do corpo do neno e as súas manifestacións.
[gdl_gallery title=”Curso Daniel Calmels” width=”416″ height=”312″ ][1] Con obras, entre otras como “infancias del cuerpo”, “La discapacidad del héroe”, “Juegos de crianza”, “Fugas, el fin del cuerpo”, “El cuerpo cuenta”, “Infancias del cuerpo”
[2] “Niñas jugando. Ni tan quietas ni tan activas”