3-11-2022
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o día 31 de outubro a orde de axudas da Xunta para que os Concellos ou agrupacións de Concellos poñan en marcha unidades de atención temperá. O Goberno galego saca unha convocatoria á que destina 11,8 millóns de euros e que permitirá a consolidación das 42 unidades xa existentes, e a creación doutras dez ata superar un total de 50.
A Administración autonómica pon en marcha unha convocatoria plurianual, ata o 2024, o que permitirá financiar para os próximos exercicios sen necesidade de novos trámites este servizo, destinado a nenos de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. O prazo para presentar solicitudes a esta orde de axudas será dun mes.
Coa creación das novas unidades, ao abeiro desta orde de axudas, agárdase acadar os 3000 nenos atendidos nestes centros en toda Galicia. Na actualidade, ademais das unidades de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños, xestionadas pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT).