18-09-2023
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, inaugurou hoxe as xornadas de formación do PROGRAMA INTRASERVIZOS (3ª ed.) dirixidas a persoal técnico da rede galega de atención temperá esta mañá no Cegadi. Durante a súa intervención, lembrou que o Goberno galego leva este servizo a nenos de ata 6 anos de máis de 200 municipios de toda Galicia.
A través do PROGRAMA INTRASERVIZOS a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) asesora e titoriza o inicio de actividade dos servizos que se incorporan á rede galega de atención temperá tanto na preparación dos plans de equipo ou xustificación das subvencións como no traballo de caso cos nenos e nenas e coas familias.
Nesta 3ª edición o PROGRAMA INTRASERVIZOS chegará a 10 servizos da rede mediante titorías persoalizadas que se realizarán nos meses de outubro a decembro
Segundo informou a Directora Xeral o Goberno galego destina anualmente 7,3 millóns de euros na posta en marcha destas unidades repartidas por toda Galicia, tanto ás de titularidade municipal, como aos catro centros que xestiona AGAT.
Nestes momentos, están en funcionamento máis de 40 centros que dan cobertura a 200 concellos e atenden a máis de 5000 nenos. No ano 2009 tan só existían na nosa Comunidade dúas unidades que prestaban atención a quince municipios.