ASPACE será a entidade que execute o servizo.
Os Concellos de Abegondo, Bergondo e Carral suman forzas para lanzar un novo servizo de benestar social para os seus veciños. Trátase dun servizo de atención temperá, que se poñerá en marcha os próximos días grazas á subvención obtida da Xunta de Galicia.
O servizo diríxese a pequenos e pequenas de 0 a 6 anos de idade. O seu obxectivo é atender posibles trastornos de desenvolvemento e detectar posibles casos con risco de padecelos. A súa finalidade é traballar no desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Aspace será a entidade adxudicataria do servizo. A atención será rotatoria nos tres municipios. Contarán para iso cun psicólogo e psicopedagogo, un mestre en educación especial e estimulador, e un logopeda.
O período que abarca a subvención, de 14.996,25 euros, comprende os meses de setembro e outubro, podendo daquela os Concellos valorar a súa continuidade. Nestes dous meses, ao tratarse dunha unidade de nova creación, o servizo centrarase na valoración inicial dos usuarios.