GaliciaNoticias

Atención Temperá a debate no Parlamento: proposición de En Marea

Presentación realizada pola diputada Paula Vázquez, do grupo parlamentario En Marea na Comisión 5ª do Parlamento o día 8 de novembro de 2018

A Atención Temperá é un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta temperá ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. Deste xeito, a Atención Temperá non se relaciona unicamente coas diversidades funcionais e ten unha dimensión comunitaria e social moi importante, configurándose como unha atención integral biopsicosocial. Asemade, a disposición de recursos suficientes para a prevención permite evitar situacións futuras de trastornos de desenvolvemento.
O Libro Branco da Atención Temperá, elaborado por asociacións e profesionais de todo o Estado, establece como principios da Atención Temperá a gratuidade, a universalidade e a transversalidade.
O Decreto 183/2013 crea a Rede Galega de Atención Temperá, pero a extensión dos servizos de Atención Temperá no territorio galego é moi deficitario e territorialmente desigual. Só 92 concellos contan con servizos de proximidade de Atención Temperá, quedando gran parte do territorio galego sen cobertura, habendo comarcas ben cubertas e outras con sobrecarga asistencial, dándose demoras superiores aos 50 días para a primeira consulta, cando o estándar internacional é de 30 días como máximo. Esta situación é aínda máis alarmante no contexto da crise económica e os seus efectos de desigualdade e pobreza, pois acentúanse as necesidades da Atención Temperá nestas circunstancias.
O financiamento dos servizos da Rede Galega de Atención Temperá  é claramente insuficiente, precisándose, segundo a AGAT, entre 30 e 40 equipos comunitarios para cubrir todas as comarcas galegas, o que faría preciso triplicar este orzamento. Para achegarse á media estatal, Galicia debería ter xa un investimento en AT en torno a 6-7 millóns de euros. O investimento en Atención Temperá por crianza/ano da Xunta é de 14 €, moi por baixo de Madrid, a segunda CA que menos dedica (29 €) ou Catalunya, a que máis (91 €).

A financiación dos servizos de Atención Temperá é inestable, pois entre que sae a orde de subvencións do ano seguinte (en torno a abril) e remata a vixente (31 de outubro) pasan meses nos que o servizo continúa por vontade dos concellos, con fondos propios. Isto xera inestabilidade profesional, coa conseguinte falta de formación e coordinación das equipas e as dificultades para afondar en mecanismos de vinculación e cooperación coa infancia e familias usuarias da Atención Temperá. Por outra parte, os criterios de valoración das solicitudes son moi esixentes e as fórmulas de xustificación moi burocratizadas. Ademais, o que se subvenciona por hora de traballo nos servizos de Atención Temperá é excesivamente baixo (19,42 € por hora traballada), por baixo da media estatal, a pesares de ser un servizo moi especializado.

Tendo en conta que a Atención Temperá é un servizo esencial para garantir a igualdade de condicións entre todas as nenas e nenos, é necesario acadar a poboación que precise este servizo (como mínimo o 5% da poboación infantil), sexa cal sexa a súa situación xeográfica, mellorar a detección precoz, dispor dunha rede comunitaria que posibilite a intervención social coas familias, garantir a alta cualificación profesional e especialización das e dos profesionais da Atención Temperá e facilitar o seu traballo en rede.

Polo exposto, preséntanse a seguinte Proposición non de lei:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta a:
1. Triplicar, polo menos, nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, o investimento na Rede Galega de Atención Temperá, consignando crédito de, polo menos, 6 millóns de euros.
2. Desenvolver un Plan de consolidación e extensión dunha Rede de Atención Temperá accesible, próxima e gratuíta, que garanta a cobertura do 5% da poboación infantil en 2020.
3. Desenvolver un sistema de financiamento estable para a Rede de Atención Temperá con recursos propios da Xunta.
4. Desenvolver unha Orde que regule o Decreto 183/2013, solicitando a a colaboración da Asociación Galega de Atención Temperá.
5. Incluír no desenvolvemento da Orde o desenvolvemento dun software actualizado e profesional para a xestión dos servizos.
6. Crear un organismo administrativo específico no organigrama da Xunta de Galicia para coordinar, desenvolver, xestionar e avaliar a Rede Galega de Atención Temperá.

Sometida a votación, esta proposición foi votada favorablemente polos grupos En Marea, BNG e Socialista, votando en contra o grupo Popular, polo que non foi aprobada.

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

Atención Temperá a debate no Parlamento – intervención da Conselleira de Política Social
MURCIA – ATENCIÓN TEMPRANA PÚBLICA UNIVERSAL Y GRATUITA – 5,7 MILLONES DE EUROS EN 2019