A conselleira de Política Social, Fabiola García, informou hoxe no pleno do Parlamento que a Xunta continua a traballar na extensión da rede galega de atención temperá e que os novos orzamentos de 2019 contemplan un 17% máis de investimento neste servizo ata chegar a un montante global de 1,9 millóns de euros. Este reforzo económico permitirá a creación de 5 novas unidades e consolidar as 16 que nestes momentos xa están en funcionamento.
Na súa intervención, Fabiola García reiterou a aposta do seu departamento autonómico pola atención temperá por tratarse dunha prestación que fai posible a identificación e o tratamento precoz de posibles trastornos de desenvolvemento durante a infancia. Neste sentido, detallou que, sen contar coas unidades hospitalarias, hoxe son 92 os concellos de Galicia que dispoñen deste servizo, seis veces máis que hai nove anos cando soamente estaba ao alcance da veciñanza dunha quincena de municipios.
Así mesmo, a conselleira apuntou que o ano pasado máis de 880 nenos e nenas recibiron atención nestas unidades. “Antes as familias tiñan que percorrer moitos quilómetros para acudir á unidade de atención temperá do seu hospital de referencia e agora dispoñen dun recurso de atención no concello onde viven ou nun próximo a poucos minutos do seu domicilio”, sinalou
Fabiola García indicou que esta melloría ten a súa orixe hai cinco anos coa creación da Rede galega de atención temperá e tamén coa posta en marcha en 2016 dunha nova liña específica de axuda dirixida aos concellos para financiar estas unidades. De feito, esta orde de subvencións supuxo a entrada en servizo de 13 unidades nos últimos tres anos. A estas engádense as tres unidades da Asociación Galega de Atención Temperá que subvenciona a Xunta e que prestan atención aos nenos e nenas das familias das comarcas do Deza, O Salnés e Bergantiños. “En definitiva, cinco anos despois do nacemento da Rede galega de atención temperá existen xa 16 unidades e o vindeiro ano crearanse outras 5 novas coa nova convocatoria de axudas aos concellos”, apuntou.
Por último, a conselleira enmarcou este reforzo da atención temperá no compromiso da Xunta coa atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias, que se plasma nun aumento do 58% dos recursos económicos destinados a este fin desde 2009. Unha subida que se repite no orzamento do vindeiro exercicio no que se pon a disposición deste colectivo a cifra récord de 106 millóns de euros. “Hoxe Galicia é unha comunidade máis acolledora que nunca para as persoas con diferentes capacidades”, concluíu Fabiola García