Noticias

AGAT RECLAMA UN PLAN DE CALIDADE NA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ

PRECISAMOS UN PLAN DE CALIDADE

Reunida o 14 de novembro a Xunta Directiva da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) acordou iniciar un calendario de xestións sociais e institucionais de cara á posta en marcha dunha AXENDA que implemente un PLAN DE CALIDADE guiado por CRITERIOS PROFESIONAIS para a REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ.

UNHA CARGA ASISTENCIAL EQUILIBRADA

AGAT considera que o despregue e creación dos servizos da REDE estase a facer de forma desordenada, sen apenas planificación e con desequilibrios moi importantes na carga asistencial dos servizos. Esta situación está a producir que haxa servizos con lista de espera e con máis dun ano de demora na atención, mentres que outros apenas teñen carga asistencial.

EQUIPOS DIMENSIONADOS CON RELACIÓN Á POBOACIÓN PROTEXIDA

AGAT xa ten remitido á Xunta de Galicia un conxunto de propostas para mellorar o dimensionamento dos equipos en función da poboación a atender e seguindo os estándares recomendados pola Federación Española de Asociacións de Profesionais de AT (GAT). Estas propostas permitirían unha distribución obxectiva e rigorosa dos recursos, en función das necesidades das crianzas e das familias.

ELIMINAR A PRECARIEDADE, A INSEGURIDADE E A INCERTEZA

AGAT quere manifestar tamén a súa preocupación pola multiplicación das formas de xestión e dos requisitos de licitación para a configuración dos equipos, das instalacións, dos servizos e facilitando a precariedade dos mesmos mediante convocatorias anuais de subvencións, unha fórmula obsoleta, ineficiente e xeradora de todo tipo de incertezas, inseguridades e inestabilidades entre os profesionais, as familias e as propias administracións locais. Esta forma de proceder obvia a urxencia de desenvolver unha normativa de autorización e acreditación dos servizos.

A CALIDADE DOS SERVIZOS DEBE SER O CRITERIO QUE GUÍE A SÚA CREACIÓN

AGAT propón e defende que a REDE GALEGA poida ser xestionada por medios públicos ou concertados que atendan en primeiro lugar á CALIDADE DO SERVIZO, indo da man da directiva 24/2014 da UE, non deixándose guiar por outro criterio que non sexa de carácter profesional e investindo na creación e recursos cualificados, suficientes e con equipamentos dignos.

UN SERVIZO IMPRESCINDIBLE PARA A INFANCIA

AGAT insiste, ante as administracións públicas e ante a sociedade galega, na transcendencia e na complexidade dos servizos de atención temperá. Que son un dereito e unha necesidade de moitos nenos e nenas e das súas familias. AGAT recorda que segundo múltiples estudios a Atención Temperá é a inversión máis rendible que unha sociedade pode facer pola infancia cando ten que afrontar situacións de adversidade.

Tags: Noticias

Outras entradas

XI CONGRESO INTERDISCIPLINARIO DEL GAT – 13 SESIÓNS ONLINE
ASPANEPS CONTRATA PSICÓLOGA PARA SUBSTITUCIÓN POR MATERNIDADE – SAT FERROL