DECLARACIÓN DA ASOCIACIÓN GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ, ANTE AS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS
Con motivo da convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 12 de xullo, a Asociación Galega de Atención Temperá solicita as organizacións políticas concorrentes a inclusión nos seus programas electorais do REFORZO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ para os nenos e nenas de 0 a 6 anos en situación de vulnerabilidade evolutiva.
Na actualidade temos en Galicia 11.200 crianzas que precisarían apoio ao seu desenvolvemento persoal. Por razón de discapacidade, de prematuridade, de desigualdade, de desorientación, de estrés sociofamiliar. Moitas delas aínda non o reciben.
Galicia inviste en Atención Temperá ao redor de 3 millóns de euros. Cando deberíamos investir cinco veces mais. Unha inversión que mais aló de ser un dereito, é a mais rendible en termos de retornos no ámbito da saúde física e mental, de autonomía persoal, educación e inclusión social.
Necesitamos unha rede de servizos que chegue en condicións aos 315 concellos de Galicia e non á terceira parte como sucede hoxe. Que permita a conciliación con outros intereses do neno e da familia (domésticos, laborais, educativos, comunitarios). Que fortaleza o sentimento de pertenza e a sinerxía dos recursos.
Necesitamos unha rede de servizos que dea seguridade ás familias e as institucións. Unha rede que, xunto con outras medidas, faga de Galicia unha sociedade de vangarda e que dea o mellor de si á súa infancia.