No marco dos programas de interese xeral para fin de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF 2022, xestionados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, AGAT convoca, os vindeiros 9 e 10 de Novembro de 2023, na EGAP (Santiago de Compostela) unha formación sobre o fortalecemento dos vínculos temperás, que será impartida polo equipo Primera Alianza. Instituto Universitario de la Familia. Universidade Pontificia de Comillas.
Dirixida aos profesionais da Rede Galega de Atención Temperá.
CONTEXTUALIZACIÓN:
A seguridade nas relacións afectivas temperás promove a saúde mental das crianzas e un mellor desenvolvemento. Adquirir as ferramentas de traballo necesarias para mellorar o vínculo entre pais/nais, e fillos/as, promover o desenvolvemento de capacidades parentais e aumentar a seguridade nas relacións, supón un importante factor de protección fronte ás adversidades futuras.
Primeira Alianza é un programa de intervención familiar, baseado na teoría do apego, cuxo obxectivo é fortalecer e/ou reparar a relación de apego entre menores de 1 a 6 anos e os seus coidadores primarios. O programa está deseñado especialmente para a súa utilización con familias onde existe un risco psicosocial que afecta á calidade da vinculación temperá. A súa metodoloxía convérteo nun programa baseado na experiencia, sinxelo de aplicar, e xerador de transformacións internas nos coidadores.
OBXECTIVOS:
- Capacitar ás participantes na avaliación das interaccións neno/a‐ coidador/a.
- Capacitar ás participantes na avaliación das representacións parentais que guían as prácticas de crianza.
- Capacitar ás participantes para o uso de videofeedback con pais e nais
- Capacitar ás participantes para o diálogo centrado no vínculo e o manexo terapéutico dos grupos de pais e nais.
CONTIDOS:
- Primeira Alianza a vista de paxaro: que, para que serve, como se fai, con quen se fai, etc.
- Avaliación da relación temperá (I): A lectura da Interacción
- Avaliación da relación temperá (II): A lectura das representacións
- Formulación de caso
- Principios básicos da prevención familiar
- Primeira Alianza: encadre e fases
- Manexo terapéutico dos grupos
- Construción de secuencias de videofeedback
- Estratexias de intervención
HORAS DE FORMACIÓN: 15
DATAS E HORARIO:
9/11/23: de 09:00h-19:00h
10/11/23: de 09:00h-18:30h
RELATORES:
- Carlos Pitillas Salvá: Doutor en Psicoloxía. Investigador no Instituto Universitario da Familia. Especialista en Psicoloxía Clínica Infanto-xuvenil e intervención familiar. Coordinador do Proxecto Primeira Alianza
- Ana Berásategui Pedro-Vello: Doutora en Psicoloxía. Especialista en intervención Psicolóxica no campo de exclusión. Investigadora no Instituto Universitario da Familia.
- Amaia Halty Barrutieta: Especialista en Psicoloxía Clínica infanto-xuvenil e en métodos de avaliación familiar. Investigadora no Instituto Universitario da Familia.
CONVOCATORIA DE SELECCIÓN DE PARTICIPANTES
NUMERO DE PRAZAS: 24
Formación gratuíta previa selección, baremación e distribución das prazas. Prégase non concorrer se non se compren os requisitos mínimos.
REQUISITOS MÍNIMOS PARA OPTAR Á SELECCIÓN:
- Estar en posesión dunha titulación de grao esixible para traballar en Atención Temperá: psicoloxía, logopedia, pedagoxía, maxisterio, fisioterapia, terapia ocupacional, educación social, traballo social, etc.
- Estar traballando na actualidade na Rede Galega de Atención Temperá (RGAT)
- Contar cunha experiencia mínima de 1 ano traballado na Rede Galega de Atención Temperá (RGAT)
SELECCIÓN DAS CANDIDATAS:
Realizarase partindo dunha primeira listaxe por rigoroso orde de inscrición, seleccionando 1 participante por unidade/servizo diferente, de tal xeito que se consiga a participación do maior número de unidades/servizos da RGAT, ata cubrir o total de prazas.
CERTIFICACIÓN DO CURSO:
Imprescindible unha asistencia superior ao 75% das horas presenciais.
PRAZOS:
PUBLICACIÓN DA CONVOCATORIA – 26 de setembro
PRAZO DE ADMISIÓN DE SOLICITUDES – do 2 de outubro (9:00 horas) ao 20 de outrubro de 2023 (inclusive) – WEB DA AGAT.
- Solicitude a través da web da AGAT https://atenciontemprana.com/contacto/. Cubrir os datos. No apartado asunto: curso “Primeira Alianza”. No apartado mensaxe: SAT no que esta traballando actualmente.
- Enviar certificado do tempo traballado por correo electrónico a formacion@atenciontemprana.com
PUBLICACIÓN DA LISTAXE DE SELECCIONADOS: 31/10/23
A comprobación de requisitos, listaxes e resolucións será realizada pola comisión de formación da AGAT.
Prégase compromiso en firme de asistencia, tendo en conta o carácter gratuíto e excepcional da formación.