GaliciaNoticias

ACTO DE PRESENTACIÓN DA UDIAF SALNÉS SUR

30-03-2023

O 30 de marzo, as 11 da mañá, tivo lugar na súa sede de Avenida do Cruceiro 53, baixo 1, 36990, Vilalonga, Sanxenxo, o acto de presentación da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Sur do Salnés (UDIAF Salnés Sur). Esta Unidade que pasará a formar parte da Rede Galega de Atención Temperá está xestionada pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) e subvencionada pola Consellería de Política Social e Xuventude. Conta tamén coa colaboración do Concello de Sanxenxo, que aportará unha grande parte do mobiliario e do equipamento técnico. No acto de presentación estiveron presentes o Alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín González, e o Director Xeral de Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Fernando López Abeijón.

A nova UDIAF será pública  e gratuíta. Prestará asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento dos mais de 2000 nenos e nenas de 0 a 6 anos residentes nos concellos de Cambados, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia e Sanxenxo. Así mesmo procurará a coordinación e colaboración cos profesionais e os recursos sociais, educativos e sanitarios que coidan ou atenden as crianzas nos citados concellos.  

A unidade está configurada como un equipo interdisciplinar de catro profesionais que traballará en contacto coas redes de servizos e asociacións de familias para facilitar unha detección, identificación e intervención temperá, que permita unha abordaxe cada vez máis precoz e máis eficiente das problemáticas detectadas. Conforme ao Protocolo de Coordinación, Intervención e Derivación da Rede Galega de Atención Temperá a tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito do desenvolvemento infantil: problemas afectivo-emocionais, de conduta, da comunicación e da linguaxe, sensoriais, motrices ou cognitivos. A Unidade contará tamén co apoio administrativo e supervisión técnica da Asociación Galega de Atención Temperá

A UDIAF Salnés Sur ven a completar os recursos asistenciais da Rede Galega de Atención Temperá na comarca do Salnés mediante o desdobramento da actual UDIAF Salnés radicada en Vilagarcía de Arousa que, a partir da posta en funcionamento da nova Unidade, cubrirá exclusivamente a demanda asistencial de Vilagarcía, Vilanova e a Illa de Arousa.

Desta forma, se espera que no horizonte do presente ano poida prestarse unha asistencia de calidade, sen demoras e sen listas de espera no conxunto da comarca.

O acceso aos recursos da Rede Galega de Atención Temperá realízase a través do pediatra de atención primaria ou especializada. O contacto coa Unidade pode realizarse na propia sede na Avda. do Cruceiro, por correo electrónico na dirección salnessur@atenciontemprana.com  ou ben chamando ao teléfono  886 20 82 75.

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

ANA BELÉN FERNÁNDEZ BLANCO, PREMIO DOWN GALICIA 2023
VIII Premio Down Galicia