15 01-2023
O presidente da AGAT, Jaime Ponte, e a coordinadora da UDIAF Bergantiños, Yaiza Antelo, como tódolos anos presentaron o avance de resultados de 2022 no concello de Carballo. En 2022 a UDIAF atendeu cento sete (107) familias o que ven significando un 5,3% da poboación infantil de 0 a 6 anos dos concellos atendidos na comarca de Bergantiños.
Segundo consta na memoria de actividades en apoio destas familias realizáronse 1943 prestacións de apoio e 477 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos con motivo dos programas personalizados. No que atinxe ao traballo comunitario a UDIAF realizou accións de coordinación con 58 entidades sanitarias, sociais ou educativas da comarca. A idade media no acceso foi de 3,05 anos.
No que se refire aos diferentes concellos da comarca, segundo os resultados correspondentes ao ano 2022 a maior parte das familias atendidas (62%) era residentes no Concello de Carballo, un 11% en Laxe, 8% en Malpica, 6% en Ponteceso e Coristanco, un 5% en Cabana.
En canto a tipoloxía dos problemas atendidos un 26% sitúanse no ámbito afectivo-emocional, un 20% nos problemas da linguaxe/fala, e un 35% no retraso evolutivo. Atendéronse igualmente problemas de hábitos, de conduta, atención, sindrómicos, motrices, sensoriais e cognitivos.
REFORZO DA PLANTILLA
Para 2023 e grazas o substancial incremento previsto no convenio coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que financia integramente o servizo, AGAT ven de contratar dous novos profesionais que xunto coas actuais conformarán un equipo interdisciplinario de 5 profesionais, todos a tempo completo. AGAT espera que este incremento de recursos permita rematar coa lista de espera.
No ano que remata, tivo lugar tamén o proceso de remodelación da área de psicomotricidade, remodelación realizada polo concello de Carballo
A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas UDIAF do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social.
Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,71 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.