Sanxenxo 27 xullo 2023
A nova Directora Xeral de Discapacidade da Consellería de Política Social visitou onte a UDIAF SALNÉS SUR, sita en Vilalonga, Sanxenxo, e que presta Atención Temperá aos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo. Na visita estivo acompañada por Paz Lago, concelleira de servizos sociais do concello de Sanxenxo.
Begoña Abeijón e Paz Lago subliñaron a mellora que supón a nova Unidade para a primeira infancia dos concellos da comarca do Salnés e a s súas familias.
Cabe recordar que a creación desta Unidade foi posible grazas ao substancial incremento do convenio Xunta-AGAT en 2023 e a colaboración do concello de Sanxenxo que fixo unha importante contribución para dotar ao servizo coa mellor infraestructura técnica.
A UDIAF Salnés Sur é un dos catro servizos de Atención Temperá, xunto coa UDIAF Salnés Norte (que cubre Vilagarcia, Vilanova e a Illa de Arousa) e as UDIAF das comarcas do Deza e de Bergantiños que xestiona AGAT mediante convenio coa Consellería de Política Social.
As Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar que xestiona AGAT forman parte da Rede Galega de Atención Temperá, que hoxe chega a 200 concellos de Galicia.
No curso da visita, Jaime Ponte, Presidente da AGAT agradeceu ás representantes da administración autonómica e local o seu compromiso coa extensión e calidade dos servizos de Atención Temperá. Pola súa parte Eva Fernández, coordinadora do equipo técnico, expuxo as actividades de apoio que realiza o servizo.