GaliciaNoticias

153 FAMILIAS ATENDIDAS NA UDIAF BERGANTIÑOS EN 2024

A UNIDADE DE DESENVOLVEMENTO INFANTIL E APOIO FAMILIAR DE BERGANTIÑOS (UDIAF-Bergantiños), recibiu onte a visita do Alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de servizos sociais, Maica Ures,  do concello  de Carballo

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento ós nenos de 0 a 6 anos, segundo regula o Decreto 183/2013 polo que se crea a REDE GALEGA de ATENCIÓN TEMPERÁ.

Esta financiada mediante convenio ao 100% pola  Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

A unidade ten a súa sede no edificio situado en Avenida Ambulatorio, Nº 39, grazas a un convenio de cesión asinado co concello de Carballo, propietario do local.

A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos. Unha parte importante do traballo da UDIAF, como se ten dito, consiste no acompañamento, orientación e colaboración coas familias así como a coordinación cos profesionais, recursos e institucións que forman parte da contorna significativa de cada neno ou nena.

Segundo consta na memoria de actividades, no ano 2025 atendéronse 153 familias, realizáronse 3625 prestacións de apoio personalizado e 780 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.

No que se refire ao ámbito do Bergantiños, segundo os resultados correspondentes ao ano 2024 a maior parte das familias atendidas (67%) era residentes no Concello de Carballo, un 8% en Ponteceso, un 7% en Cabana, Coristanco e Malpica, e un 6% en Laxe; cifras normalmente correlativas á poboación dos distintos Concellos.

Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,90 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas UDIAF do Salnés Norte, Salnés Sur e o Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social. A Unidade de Bergantiños abriu as súas portas a finais de 2014, polo que o ano pasado ven de cumprir dez anos ofrecendo servizo.

Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con seis profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

Tamén ao longo do último ano, e coa financiación do Concello de Carballo tivo lugar unha importante reforma estrutural do local coa ampliación e remodelación de espazos e a incorporación de dúas novas salas.

Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias dos concellos de Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso, na comarca de Bergantiños. O contacto pode realizar a través da propia sede na Avenida Ambulatorio Nº 39 en Carballo, no correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881.946.410.

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

AGAT PARTICIPA NOS ACTOS DO DÍA DA FAMILIA
PREINSCRICIÓN MÁSTER EN DESENVOLVEMENTO INFANTIL E ATENCIÓN TEMPERÁ NA UDC – BECADO POLA DX DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE