REUNIÓN AGAT – SERVIZOS COMUNITARIOS DA REDE GALEGA

O pasado venres 14 de setembro tivo lugar unha reunión entre AGAT e representantes dos servizos comunitarios da Rede Galega de Atencion Temperá co obxecto de examinar a súa situación actual.

En primeiro lugar, acordouse solicitar que a medio prazo e no ámbito da Consellería de Política Social poida anticiparse un novo modelo de financiación con fondos propios ante a inestabilidade e inseguridade da actual formula de financiación a través do FSE. Igualmente considérase necesario proceder a desenvolver o decreto 183/2013, elaborando  unha Orde de acreditación dos servizos sociais comunitarios específicos de Atención Temperá. AGAT plantea como referencia para a financiación e provisión de servizos o documento “la visión de los profeesionales” que ven de ser aprobado pola Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Atención Temprana.

En segundo lugar, acordouse solicitar a imprescindible modificación da Orde de subvención aos concellos introducindo diversos cambios, tanto para contribuír á consolidación dos actuais servizos como para evitar a repetición dos erros cometidos en anteriores convocatorias en particular introducindo cambios nos artigos referidos ao OBXECTO (Art. 1), ENTIDADES BENEFICIARIAS (Art. 6), REQUISITOS ESPECÍFICOS (Art. 7), ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES (Art. 8), IMPORTE E ABONO DA SUBVENCIÓN (Art. 10), DOCUMENTACIÓN (Art. 13), CRITERIOS DE VALORACIÓN (Art. 20), e XUSTIFICACIÓN (Art. 26). Co obxectivo de facilitar unha financiación anticipada y estable e que permita a creación de equipos ben dimensionados, equilibrados , estables e que teñan en conta as diferencias entre a realidade urbana, metropolitana, semirural e rural de Galicia

Na reunion fíxose un esquema dos temas a trasladar á Consellería de Política Social. Este esquema, unha vez aprobado polos servizos, será presentado pola AGAT ante a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para estudar as posibilidades de modificar a nova Orde de subvencións e poder publicala nas primeiras semanas do 2019. No mesmo sentido, por parte dos servizos asistentes, fíxose fincapé na necesidade de contar no organigrama da Administración cunha persoa con dedicación exclusiva que podia atender as funcións de coordinacion da Rede.

En terceiro lugar, por parte das representantes das UDIAF, presentouse a aplicación informática que utilizan a cotío no se u traballo co obxecto de contar con elementos de xuizo para valorar a información sobre nova aplicación informática presentada o pasado día 29 por AMTEGA E INDRA. Pódese constatar que hai posibilidades de realizar unha extensa mellora da antedita aplicación, implementando a través do proceso de testaxe un conxunto de aspectos cuxa utilidade está máis que contrastada nas unidades da AGAT.

Por último, por parte da AGAT informouse da convocatoria por parte da Federación Estatal do DÍA DE LA ATENCIÓN TEMPRANA para o próximo 15 de abril, e das posibles actuacións a realizar con ese motivo de cara ao reforzamento da REDE GALEGA.