PUBLICADA ORDE DE SUBVENCIÓNS ATENCIÓN TEMPERÁ

EXTRACTO da Orde do 25 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos marco da
Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento BS700A).

Primeiro. Entidades beneficiarias Segundo o tipo de xestión:
a) Individual: concellos cun censo mínimo de 10.000 habitantes.
b) Compartida: agrupacións de concellos e/ou de mancomunidades de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos. Quedan excluídas as deputacións provinciais.
Segundo. Obxecto
Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá (Decreto 183/2013, do 5 de decembro), mediante xestión individual ou compartida e directa ou indirecta a través da concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade.
A finalidade será:
a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 27 de marzo de 2018 (DOG núm. 72, do 13 de abril).

b) Programa II, destinado aos servizos existentes actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.
Terceiro. Bases reguladoras
Contidas na Orde do 25 de marzo de 2019, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria para 2019.
Cuarto. Contía
Destínase crédito por importe total dun millón seiscentos trinta e tres mil novecentos cincuenta e tres euros (1.633.953 €), cofinanciado con fondos FSE nun 80 %, programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1, distribuído segundo o seguinte:
a) Programa I: 1.120.983,60 €.
b) Programa II: 512.969,40 €.
A contía máxima de subvención por beneficiario será do 90 % do orzamento total da actuación, cos seguintes límites en función do tipo de xestión:
a) Individual: 8.180 € por mes subvencionable.
b) Compartida: 10.000 € por mes subvencionable.
O importe calcularase de acordo co sistema de custos simplificados en función do custo unitario por hora de traballo sinalado na orde, segundo os grupos profesionais.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Outros datos
Sen prexuízo da totalidade de condicións establecidas na orde e nos termos establecidos nos artigos 7, 8, 9, 10 e 11:
a) O obxecto da prestación estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, cobxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.
b) O período máximo subvencionable abranguerá desde el 1 de novembro de 2018 e ata o 31 de outubro de 2019 e os gastos imputables serán os directos de persoal e outros gastos directos e indirectos realizados naquel e que fosen efectivamente pagados na data límite de xustificación.
c) O equipo de traballo deberá contar cun mínimo de 3 integrantes e ser interdisciplinar. Realizarase un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de anticipo, unha vez notificada a resolución. O 50 % restante ou a parte que corresponda, tras a correspondente xustificación, que se realizará nos termos previstos no
artigo 26 da orde e sen prexuízo da obriga establecida no artigo 11.d), a través da modalidade de custos simplificados e con data límite do 15 de novembro de 2019.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2019
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social