GaliciaNoticias

Iniciativas sobre Atención Temperá no Parlamento de Galicia

No mes en curso rexistráronse no Parlamento de Galicia diversas iniciativas en relación coa Atención Temperá. Ofrecemos a súa exposición de motivos:

Grupo Parlamentario En Marea

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Atención Temperá é un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta temperá ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. Deste xeito, a Atención Temperá non se relaciona unicamente coas diversidades funcionais e ten unha dimensión comunitaria e social moi importante, configurándose como unha atención integral biopsicosocial. Asemade, a disposición de recursos suficientes para a prevención permite evitar situacións futuras de trastornos de desenvolvemento.

O Libro Branco da Atención Temperá, elaborado por asociacións e profesionais de todo o Estado, establece como principios da Atención Temperá a gratuidade, a universalidade e a transversalidade.

O Decreto 183/2013 crea a Rede Galega de Atención Temperá, pero a extensión dos servizos de Atención Temperá no territorio galego é moi deficitario e territorialmente desigual. Só 92 concellos contan con servizos de proximidade de Atención Temperá, quedando gran parte do territorio galego sen cobertura, habendo comarcas ben cubertas e outras con sobrecarga asistencial, dándose demoras  superiores  aos  50  días  para  a  primeira  consulta,  cando  o  estándar internacional é de 30 días como máximo. Esta situación é aínda máis alarmante no contexto da crise económica e os seus efectos de desigualdade e pobreza, pois acentúanse as necesidades da Atención Temperá nestas circunstancias.

O financiamento dos servizos da Rede Galega de Atención Temperá realízase a través da convocatoria dunha liña de subvencións por parte da Xunta, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo PO FSE Galicia 2014-2020, destinadas ás entidades locais. Ademais, a Xunta subvenciona tres unidades de atención temperá (UDIAF) xestionadas pola AGAT, coa que mantén un convenio de colaboración. 1,4 millóns de euros consignados nos Orzamentos de 2018 para a Atención Temperá son claramente insuficientes, precisándose, segundo a AGAT, entre 30 e 40 equipos comunitarios para cubrir todas as comarcas galegas, o que faría preciso triplicar este orzamento.  Para achegarse á media estatal, Galicia debería ter xa un investimento en AT en torno a 6-7 millóns de euros. O investimento en Atención Temperá por crianza/ano da Xunta é de 14 €, moi por baixo de Madrid, a segunda CA que menos dedica (29 €) ou Catalunya, a que máis (91 €).

A financiación dos servizos de Atención Temperá é inestable, pois entre que sae a orde de subvencións do ano seguinte (en torno a abril) e remata a vixente (31 de outubro) pasan meses nos que o servizo continúa por vontade dos concellos, con fondos propios. Isto xera inestabilidade profesional, coa conseguinte falta de formación e coordinación das equipas e as dificultades para afondar en mecanismos de vinculación e cooperación coa infancia e familias usuarias da Atención Temperá.

Por outra parte, os criterios de valoración das solicitudes son moi esixentes e as fórmulas de xustificación moi burocratizadas.

O que se subvenciona por hora de traballo nos servizos de Atención Temperá é excesivamente baixo (19,42 € por hora traballada), por baixo da media estatal, a pesares de ser un servizo moi especializado.

Galiza é a Comunidade Autónoma do Estado que, con moita diferencia, menor orzamento adica á Atención Temperá e que menor porcentaxe de poboación infantil cobre.

Ademais do atraso orzamentario de Galiza a respecto do resto do Estado, hai tamén  un  atraso  normativo.  Isto  motiva  que  aínda  non  exista  un  sistema regulador das instalacións e dotacións dos equipos en función das necesidades e da poboación diana a cubrir. Por iso, é fundamental desenvolver unha Orde que concrete o Decreto 183/2013.

Por outra parte, a formación de todos e todas as profesionais implicadas na detección precoz de síntomas en nenos e nenas susceptibles de acudir a Atención Temperá é escasa.

Ademais, en 2014 formalizouse o Protocolo de coordinación e intervención en Atención   Temperá,   pero   non   hai   unha   coordinación   interadministrativa suficiente.

Na actualidade non hai un software unificado para estes servizos, a pesares de que  a  AGAT  fixo  entrega  á  Xunta  e  á  empresa  INDRA  dun  programa informático de contrastada eficacia para facilitar a xestión e avaliación unificada dos centros, sen que a Administración dera resposta algunha. A inexistencia deste software provoca que as e os profesionais dos equipos de Atención Temperá teñan que usar gran número de horas en tarefas burocráticas.

Tendo en conta que a Atención Temperá é un servizo esencial para garantir a igualdade de condicións entre todas as nenas e nenos, é necesario acadar a poboación que precise este servizo (como mínimo, o 5% da poboación infantil), sexa cal sexa a súa situación xeográfica, mellorar a detección precoz, dispor dunha  rede  comunitaria  que  posibilite  a  intervención  social  coas  familias, garantir a alta cualificación profesional e especialización das e dos profesionais da Atención Temperá e facilitar o seu traballo en rede. Fronte a isto, a Xunta conxelou o investimento en Atención Temperá e paralizou o desenvolvemento do Decreto 183/2013 e dos seus organismos de coordinación, así como o desenvolvemento da Axenda de Atención Temperá 2015-2017 e o Plan de Formación da EGAP.

Polo exposto, preséntase a seguinte Proposición non de lei: O Parlamento de Galicia insta á Xunta a:

  1. Triplicar, polo menos, nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, o investimento na Rede Galega de Atención Temperá, consignando crédito de, polo menos, 6 millóns de euros.
  1. Desenvolver un Plan de consolidación e extensión dunha Rede de Atención Temperá accesible, próxima e gratuíta, que garanta a cobertura do 5% da poboación infantil en 2020.
  1. Desenvolver un sistema de financiamento estable para a Rede de Atención Temperá con recursos propios da Xunta.
  1. Desenvolver unha Orde que regule o Decreto 183/2013, solicitando a a colaboración da Asociación Galega de Atención Temperá.
  1. Incluír no desenvolvemento da Orde o desenvolvemento dun software actualizado e profesional para a xestión dos servizos.
  1. Crear un organismo administrativo específico no organigrama da Xunta de Galicia para coordinar, desenvolver, xestionar e avaliar a Rede Galega de Atención Temperá.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018.

 

Grupo Parlamentario Socialista

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Atención Temperá está universalmente recoñecida como un conxunto de accións que se orientan cara á prevención e a intervención asistencial dos nenos e nenas que se atopan en situacións de risco ou que presentan algunha discapacidade. Pero, á vez, é un conxunto de intervencións co que se actúa para poder garantir as condicións e a resposta familiar ante estas circunstancias nas diferentes contornas vitais.

En  maio  de  2000  publicábase  o  Libro  Branco  da  Atención  Temperá,  o  que supoñía que por primeira vez no noso país se chegara a un consenso científico interdisciplinar das diversas especialidades que conflúen neste campo, coa representación das diferentes Comunidades Autónomas e dos diferentes sectores que inciden no campo da prevención, marcando así un fito histórico. Este é un instrumento rigoroso e indispensable para a comprensión e o desenvolvemento da Atención Temperá, que ademais de contribuír a reforzar o consenso profesional sobre ela, propiciou unha importante expansión que se concretou na posta en marcha de grupos de traballo intersectoriais, e no deseño de plans específicos de Atención Temperá en numerosas comunidades autónomas, incrementáronse os recursos dedicados á intervención temperá, servindo de referencia para a realización de instrumentos técnicos, así como para establecer os plans de formación e especialización profesional.

O marco legal regulatorio en Galicia é, tendo como base legal a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, o Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, así como un protocolo de coordinación entre os servizos sanitarios, educativos e sociais asinado no ano 2014.

Sen embargo o escaso esforzo inversor e normativo destes últimos anos, segundo os datos actualizados de recursos dedicados á Atención Temperá de proximidade para nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas educativos, sinala na actualidade unha situación comparativa moi desfavorable para a nosa comunidade autónoma. Estas carencias teñen reflexo na escasa extensión da rede, xa que trinta anos despois de que se creara o primeiro servizo de proximidade, de 314 concellos, tan so 92 contan cos servizos de Atención Temperá que marca a normativa do ano

2013, ademais a maioría non amosan unha planificación nin a medio nin a longo prazo. Así, por exemplo, os últimos 6 servizos creados veñen de ser subvencionados por un período de dous meses (do 1 de setembro a 31 de outubro de 2018), e o  resto funciona con subvencións periódicas por meses (a través do programa operativo do FSE 2014-2020), ou por convenio renovable anualmente (AGAT), sen que a día de hoxe coñezamos algunha previsión de futuro por parte da Xunta de Galicia. Ademais as carencias no desenvolvemento normativo, producen que a rede galega de atención temperá aínda non teña un sistema regulador das instalacións e dotación equilibrada dos equipos conforme a unha planificación rigorosa de necesidades. Desde xeito esta á suceder que un mesmo número de profesionais (o mínimo de 3 que forma cada equipo) atenden por igual unha comarca de 10.000 que unha de 100.000 habitantes.

Esta orde debería tamén dotar dun soporte informático unificado aos servizos. Polo contrario a normativa de subvencións estableceu condicións absurdas para o trámite e xustificación da actividade dos servizos, obrigando aos profesionais a dedicar unha parte do seu tempo a unha tramitación administrativa que en moitas ocasións resulta excesiva e innecesaria.

Ao mesmo tempo, a Comisión Técnica e o Consello Autonómico de Atención Temperá, creados polo Decreto de 2013, están sufrindo unha preocupante inactividade durante estes últimos anos, cando a complexidade e implicación na Atención Temperá dos servizos sociais, educativos e sanitarios debera dar lugar a unha dinamización e coordinación destes organismos administrativos, así como a desaparición na EGAP do Plan de formación en Atención Temperá (despois das edicións 2015 e 2016), e a falla de continuidade da Axenda de Atención Temperá 2015-2017, con moitos dos seus obxectivos e liñas de actuación a día de hoxe pendentes de cumprimento.

Os trastornos no desenvolvemento teñen gran transcendencia individual, familiar e social, polo que a responsabilidade da Xunta de Galicia debera ser a de ofrecer unha resposta que evite, no posible, as discriminacións e limitacións subseguintes aos problemas que sofren os nenos e nenas con discapacidade ou con risco de padecelas e as súas familias. O compromiso da nosa sociedade coa protección á infancia,  especialmente  con  aqueles  grupos  que  están  en  risco  de  sufrir alteracións no seu desenvolvemento, ademais de ser un expoñente inequívoco de progreso e de solidariedade, ten que involucrar a todos os sectores sociais. Garántese deste xeito a compensación das desigualdades individuais e o dereito para alcanzar un desenvolvemento evolutivo o máis normalizado posible e unha vida plena e independente.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

  1. Desenvolver e poñer en marcha un plan de consolidación e extensión da Rede de Atención Temperá, accesible, próxima e gratuíta, que garanta a cobertura do 5% da poboación infantil en 2020, así como un sistema estable de financiamento con fondos propios, que proporcione ás equipas a seguridade que precisa a súa actuación, e que valore a actividade profesional acorde co nivel de formación esixido, para elo:

1.1 Incrementarase de maneira urxente a dotación orzamentaria da rede galega de atención temperá, co obxectivo de chegar ao final da X lexislatura aos sete millóns de euros anuais de investimento.

1.2 Desenvolverase o  Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, no referido a acreditación dos servizos e as súas dimensións, de tal maneira que en base a estándares profesionais contrastados as horas de servizo se calculen en relación á poboación diana que se debe protexer, se impidan as listas de agarda, e se regulen os tempos máximos de demora asistencial.

1.3  Poñerase en marcha un software actualizado e profesional de xestión da Atención Temperá, co fin de reducir os procedementos administrativos, e facilitar a tramitación e concesión desta prestación.

1.4   Restablecerase de maneira inmediata o Plan de formación anual e actualizarase, nun prazo máximo de seis meses, a Axenda de Atención Temperá para 2018-2020 coa participación das entidades interesadas.

1.5 Crearase un organismo administrativo específico, dedicado plenamente ao desenvolvemento, xestión, coordinación e avaliación da rede galega de atención temperá.

Pazo do Parlamento, 15 de outubro de 2018

Asemade, no pasado Debate do Estado da Autonomía, tanto o grupo En Marea como o Grupo Socialista presentaron propostas de resolución coa  finalidade de incrementar e optimizar os recursos humanos e materiais dispoñibles, co obxectivo de alcanzar, como mínimo, o final desta lexislatura, unha ratio de cobertura do 5 % da poboación infantil galega. Estas propostas de resolución foron rexeitadas polo voto en contra do Grupo Popular.

 

Tags: Galicia, Noticias

Outras entradas

Ronda de contactos institucionais da AGAT
1.948.953 € para Atención Temperá no proxecto de orzamentos 2019