Teléfono: 698124611 e-mail : agat@atenciontemprana.com

AGAT SOLICITA A SIMPLIFICACIÓN DA ORDE DE SUBVENCIÓN A CONCELLOS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ

AGAT SOLICITA A SIMPLIFICACIÓN DA ORDE DE SUBVENCIÓN A CONCELLOS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ

Os pasados días 7 e 22 do presente mes de xuño unha representación da Asociación Galega da Atención Temperá, encabezada pola súa presidenta Dona Teresa Busto, mantivo sendas entrevistas co Conselleiro de Política Social, D. José Manuel Rey Varela, e co Presidente da Federación Galega de Municipios, FEGAMP, D. Alfredo L. García Rodríguez, con obxecto de solicitar e comentar entre outros temas a conveniencia de modificar en 2017 as bases reguladoras para a convocatoria de subvencións para a prestación de servizos de Atención Temperá polas entidades locais.

En opinión da AGAT, a Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se regula a concesión de subvencións para a prestación de servizos de atención temperá, establece unhas exixencias que dificultaron a solicitude por parte das entidades locais e que están a converter a súa xustificación nun exercicio moi complexo que obstaculiza a propia realización das tarefas asistenciais por parte dos/as profesionais.

AGAT expuxo como dos  2.252.216 € consignados inicialmente pola Consellería de Política Social para a consolidación e/ou creación de novas Unidades durante os anos 2016 e 2017, ata a data a Xunta tan só se pudo aprobar un gasto por 697.186,35, aplicado a consolidación de 6 unidades que xa estaban funcionando anteriormente nas comarcas ou mancomunidades da Mariña, Verín, Carballiño, O Barbanza, Noia e Ordes.

Por outra banda, AGAT subliñou que a ausencia dunha aplicación informática que permita o rexistro automatizado do traballo que realizan os profesionais e o detalle as veces excesivo de datos que require a xustificación da actividade, é moi demandante en termos de tempo que  ao final debe ser subtraído das propias tarefas asistenciais.

AGAT  considera que, dentro do marco de requisitos que marcan os Fondos Europeos e a normativa de subvencións,  a nova convocatoria da Orde debería tratar de simplificar ao máximo tanto os requisitos que se solicitan aos Concellos como aos profesionais. E que debe ser o primeiro paso para a extensión e implementación dunha sólida Rede Galega de Atención Temperá.

AGAT comprende que a xustificación e clarificación da utilización dos fondos públicos e das actividades profesionais, a acreditación e estandarización dos servizos, así como a utilización de indicadores son obxectivos e bases prioritarias das administracións públicas e que deben presidir a  Rede Galega de Atención Temperá. Pero que hai que procurar que non deriven nunha burocratización dos procedementos que poidan chegar  ata dificultar a propia actividade asistencial das Unidades.

AGAT agradeceu aos titulares da Consellería de Política Social e da FEGAMP a súa comprensión respecto desta solicitude polo que esperamos que a nova Orde incorpore cambios positivos que faciliten a Xunta a máxima aplicación dos fondos previstos e aos Concellos a presentación de solicitudes e  a creación de novos equipos interdisciplinarios e postos de traballo especializados en Atención Temperá.

Comentar

*

captcha *